
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na rolda de prensa do Consello, o inicio dos trámites para a creación da primeira Axencia Tributaria de Galicia en 30 anos de autonomía, máis eficaz, máis eficiente e cunha mellor asistencia para todos os galegos. O obxectivo é ser máis eficaz na prevención e na loita contra o fraude fiscal e prestar mellor servizo de asesoramento para que os galegos podamos contribuír de forma máis axeitada a pagar os nosos impostos sen necesidade de que se vexan incrementados, aseverou.
Nun primeiro termo, Feijóo explicou que maior eficacia significa incrementar un 20% a recadación por impostos propios e impostos cedidos, o que supón un incremento de 20 millóns de euros cada ano de ingresos á facenda pública. E máis eficiente significa reducir os custes de funcionamento en 15 millóns de euros nun cuadrienio; é dicir, algo máis de 4 millóns de euros anualmente. Isto significa, en termos de maior recadación e en termos de menor custe na xestión da recadación, uns 24 millóns de euros máis cada ano na facenda autonómica sen incrementar os impostos, case 100 millóns de euros nunha lexislatura.
Así mesmo, o titular da Xunta subliñou que o novo organismo suporá, tamén, unha mellor asistencia para os cidadáns, porque temos o compromiso de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias aos galegos para non incorrer en multas ou para non incorrer en liquidacións complementarias ou liquidacións paralelas por falta de coñecemento no momento da liquidación dos impostos cedidos ou dos impostos propios.
A Axencia Tributaria de Galicia persigue un triplo exercicio de austeridade, de profesionalización e de coordinación para poder cumprir un dobre obxectivo: fortalecer o cumprimento tributario a través da loita directa contra o fraude fiscal, tamén con actuacións tendentes ao pagamento voluntario deses tributos; e poñer en marcha un sistema completo de asistencia ao contribuínte.
En relación ao exercicio de austeridade e simplificación administrativa, Feijóo salientou que o novo organismo supón a desaparición da Dirección xeral de tributos, das cinco xefaturas provinciais ou territoriais da Consellería de Facenda e a desaparición das 42 oficinas liquidadoras de impostos. E potenciamos a escala superior e técnica de finanzas para que cada vez haxa uns funcionarios máis competentes, máis especializados na xestión, tramitación e liquidación dos tributos propios da Comunidade autónoma, explicou en relación á profesionalización.
No tocante ao exercicio de coordinación, o responsable do Goberno galego precisou que a Axencia Tributaria de Galicia aglutinará todas as funcións tributarias que nos corresponden polos impostos propios e polos impostos cedidos da comunidade autónoma. Polo tanto, un único organismo para todos os impostos propios e cedidos estatutarios, propios e cedidos a Galicia.
Amais dunha aposta clara polas novas tecnoloxías, Feijóo subliñou que a Axencia busca reducir ao mínimo a burocracia; e, neste eido explicou- estamos traballando xa nos aplicativos para concretar unha xanela única telemática que permita conectar ao contribuínte cos diferentes rexistros -xa sexa da propiedade ou mercantil-, e que permita ao contribuínte cumplimentar todos os trámites que ten que realizar, tanto o outorgamento da escritura pública no notario e a inscrición no rexistro, e a liquidación dos actos ou dos negocios que tributan.
Dentro da mellora do servizo de asistencia ao contribuínte, o presidente da Xunta destacou, amais, a creación dunha área de información e de asistencia para os contribuíntes e departamentos de información e de asistencia un en cada unha das delegacións da axencia-. Crearase un servizo de atención telefónico e de postos de atención continuada e imos, tamén a facilitar cita previa para evitar desprazamentos e esperas a aqueles contribuíntes que queiran facer unha consulta para cumprir mellor as súas obrigas tributarias, engadiu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.