Trala sinatura, esta tarde, co ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do convenio para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos Plans de Zona das zonas rurais, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que porque Galicia fixo os seus deberes e ten unhas contas saneadas, hoxe podemos materializar 170 millóns de euros que nos permitirán facer realidade inversións no rural galego, para mellorar as posibilidades económicas, o benestar social e, en definitiva, a calidade de vida do medio rural.
O esforzo de responsabilidade, de priorización, de coordinación e de rigor permitiunos desbloquear un asunto fundamental para o rural galego, aseverou, durante a rolda de prensa, ao que engadiu que ese debe ser o camiño a seguir no resto de asuntos que marcan a axenda de colaboración entre a Xunta e o Ministerio.
Feijóo resaltou que Galicia traballou responsablemente para poder materializar canto antes as inversións que terán lugar no rural galego ao abrigo da Lei estatal de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural. Axilizamos ao máximo os trámites que dependían da comunidade. Fai uns meses acordamos adoptar as Directrices de Ordenación do Territorio como referencia para elaborar os distintos plans de zona e para non ter que elaborar un novo documento que retrasara o proceso.
No eido da priorización, o responsable autonómico lembrou que o Goberno galego delimitou un total de 12 zonas rurais con distintos niveis de prioridade que abarcan a práctica totalidade da xeografía galega Rías Altas e Arco Ártabro, Terras de Santiago, Costa da Morte, As Mariñas, Lugo Central, Lugo Sur, Montaña lucense, Miño Central, Valdeorras, Depresións Ourensás e Terras do Sil, Pontevedra Norte e Rías Baixas, Pontevedra Este e Terras do Miño-; e para cada unha delas elaborou un plan de zona. Case a metade das inversións estarán dirixidas a emprego e benestar no rural; máis do 30% a infraestruturas e equipamentos básicos; e case o 19% a inversións para a protección do medio ambiente.
Unha esperanza de emprego, de benestar e de oportunidades
Para poder elaborar esta proposta foi necesario un gran esforzo de coordinación a tres niveis: coordinación interna, entre as cinco consellerías da Xunta implicadas para organizar as inversións e para sometelas á avaliación ambiental estratéxica; coordinación cos cidadáns, con máis de 1.200 suxestións que enriqueceron o proxecto; e coordinación co Goberno central e co ministro, que cumpriron a súa palabra e apuraron ao máximo para poder desbloquear este convenio.
Feijóo reiterou que a firma é posible porque Galicia traballou con rigor económico nos últimos anos; non en van, Galicia é a segunda comunidade que está en disposición de firmar este convenio porque é unha das poucas comunidades que en 2009, en 2010 e en 2011 cumpriu o requisito de estabilidade Presupostaria, que esixe o Ministerio de Facenda para poder acceder a este financiamento.
Nun momento de crise económica como o que estamos a vivir, o responsable autonómico afirmou que Galicia non pode desaproveitar a súa riqueza rural, que é única e dificilmente comparable a ningunha outra comunidade. Se queremos que os nosos pobos non sexan abandonados; se queremos fixar poboación no medio rural e garantir a máxima calidade de vida, temos que poñer en marcha políticas para conseguilo. E este convenio, cunha inversión de 170 millóns de euros para os próximos catro anos é para nós unha esperanza de emprego, de benestar e de oportunidades.
Actuacións pendentes e situación do sector lácteo e do sector pesqueiro
O presidente do Executivo galego referiuse, tamén, a outros asuntos tratados na reunión: o sector lácteo, no que debemos seguir traballando para reverter a situación de desigualdade actual en materia de prezos por outra que clarifique as regras de xogo e que fortaleza aos gandeiros; o sector pesqueiro, onde Galicia ten un liderado indiscutible, e no que estamos vivindo un momento clave coa reforma da Política de Pesca Común; e o medio ambiente, onde transmitín o agradecemento da Xunta polo compromiso explícito de colaborar na recuperación das Fragas do Eume afectadas polo lume.
En materia de saneamento, Miguel Arias Cañete e Feijóo repasaron, amais, as principais actuacións pendentes nas que ambas as dúas administracións seguirán traballando nas próximas semanas como a depuradora de Vigo, cuxas obras están previstas para o principio de verán; a EDAR de Ourense, xa licitada; a EDAR de Santiago, para a que se está tramitando unha nova ubicación; así como as obras imprescindibles para completar o saneamento da Ría de Ferrol e a rexeneración da Ría do Burgo na Coruña.
Feijóo concluíu a súa intervención, agradecendo que o Ministerio teña as prioridades galegas na súa axenda. E transmitir, tamén, -engadiu- a seguridade de que, sempre que así sexa, Galicia será responsable, será rigorosa e será leal. Somos responsables, rigorosos e leais hoxe, ao desbloquear este convenio para fomentar conxuntamente o desenvolvemento rural sostible de Galicia. E seremos responsables, rigorosos e leais no futuro, para que xuntos podamos dar a mellor resposta posible a todos os asuntos que a partir de agora temos que abordar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.