
O director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López presidiu a inauguración da mostra colectiva de pintura "Camiños en feminino, Arte 2011-2012", un proxecto cultural da Fundación Camiño de Santiago e a Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago. O acto contou tamén coas intervencións do coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez; o presidente da Fundación e comisario da mostra, Constantino Lores; a artista Puri del Palacio, e a critíca de arte Mª Jesús Abeledo. A exposición está formada por obras de: Amelia Palacios, Anxos Igrexas, Basilisa Fiestras, Beatriz Suárez Sáa, Carmen Cabaneiro, Carmen Hermo, Carolina M. Araújo, Chuneta, Coco Pimentel, Glau Fonseca, Helga Mader, Kuqui Pazos, Lidia Costa, Mª Ángeles Guillán, Montse Frieiro, Paula Cabaleiro, Paula Mariño, Paz Vicente, Puri del Palacio e Silvia Capelo.
Tino Lores agradeceu a grande acollida dispensada, unha vez máis. Esta colectiva completa neste ano o proxecto cultural denominado "Camiños" iniciado o pasado 2011, "Ano Santo Compostelán", grazas á Fundación Camiño de Santiago e á Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago. Na anterior edición eran 15 os artistas participantes na mostra colectiva e itinerante que finalizou nesta Casa. Esta segunda edición intégrana só mulleres, que tomaron a testemuña, un total de vinteunha, coa bailarina Glau Fonseca. En palabras de Abeledo, "máis que unha exposición de arte,
"Camiños en feminino" é unha filosofía. Unha filosofía orientada a que se vexa un colectivo de mulleres creadoras. Xa que, se ben, aparentemente, o mundo da arte é un dos sectores nos que a muller conseguiu un bo equilibrio coa presenza masculina, as obras de artistas mulleres apenas están presentes nas coleccións de arte máis importantes e as súas cotizacións nas poxas son netamente inferiores. E tamén falta, seguramente, un maior número delas no listado oficial dos grandes nomes na arte contemporánea".
Para del Palacio "aínda que a exposición está composta por obras de mulleres que empregamos diferentes técnicas e pertencemos a diferentes xeracións, únenos tamén o orgullo de estar aquí, unha gran ilusión e o amor á arte".
Pola súa banda, Jiménez destacou o feito de coincidir con "a apreciación do Camiño como viaxe a Ítaca, e é fermoso que sucedan enriquecedoras aventuras nese camiñar. Por iso, nos Camiños de Santiago, destacan sempre a amizade e a solidariedade, a xenerosidade, o respecto e a tolerancia; así como as experiencias en común, de relación en pé de igualdade co compañeiro ou compañeira que carga cunha mochila similar".
O acto finalizou cunha danza que interpretou Glau, por toda a sala,diante das obras, coa que, en palabras de Ónega "se fundiron arte e danza en pura poesía".
A exposición poderá visitarse ata o 1 de xuño. Laborables de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.