Notas de prensa

Cultura e Educación difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra a través dunha exposición interactiva

A biblioteca nodal da cidade acolle ata o 11 de maio unha instalación multimedia con audiovisuais, poemas musicados e obxectos persoais do poeta. A Xunta tamén promove unha mostra sobre Valentín Paz-Andrade para a animar os estudantes a ampliar o coñecemento do autor.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde o legado de Celso Emilio Ferreiro en Pontevedra a través dunha exposición itinerante que está ata o 11 de maio na biblioteca nodal da cidade. Para poñer en valor a vida e a obra do poeta e favorecer un maior coñecemento delas entre a cidadanía, a mostra baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro.

Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Esta mostra itinerante que promove Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, enmárcase nas actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

A itinerancia da mostra iniciou o pasado mes de marzo na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e continuou na biblioteca nodal de Lugo. Logo do seu paso pola biblioteca de Pontevedra, onde permanecerá ata o 11 de maio, a mostra poderá visitarse na biblioteca González Garcés da Coruña entre o 14 e o 25 de maio, na Casa da Xuventude de Ourense entre o 28 de maio e o 8 de xuño e na biblioteca nodal de Vigo desde o 11 ata o 28 de xuño. Despois do verán, a mostra iniciará un percorrido ata final de ano que a levará por diversos centros educativos das catro provincias galegas.

Paz-Andrade no CPI da Picota

Co obxectivo de poñer en valor a literatura e a lingua galegas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Cultura tamén teñen en marcha unha exposición sobre Valentín Paz-Andrade, que está estes días no CPI da Picota, no concello de Mazaricos. A través desta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación anima os alumnos e as alumnas do centro a que amplíen o seu coñecemento sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.

Para isto, a exposición conta con cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas de Valentín Paz-Andrade. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do autor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.

Unha ferramenta para a dinamización lingüística

Xunto co obxectivo de afondar no estudo do autor, a mostra sobre Valentín Paz-Andrade tamén contribúe á dinamización da lingua galega, a través da promoción de novos espazos de uso e de presenza do galego nos centros, e mais de materiais atractivos en lingua galega que mostran elementos do noso pasado recente empregando para iso as tecnoloxías máis actuais.

Ademais, a exposición chega aos centros educativos acompañada dunha unidade didáctica para que o profesorado poida traballar nas aulas o contido da mostra cos alumnos e as alumnas de secundaria.

Calendario da exposición

Logo do seu paso polo IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, que foi o seu primeiro destino, e da súa visita ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a exposición permanecerá ata o venres 4 de maio no centro educativo de Mazaricos. Posteriormente, a mostra poderá visitarse no IES O Mosteirón de Sada do 7 ao 11 de maio e entre os días 14 e 25 de abril exhibirase no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.

Desde alí viaxará ata o IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, onde estará do 28 de maio ata o 1 de xuño. A continuación, serán o IES Xermán Ancochea, na Pobra de Trives, e o IES Gregorio Fernández de Sarria os que acollan a mostra, desde o 4 de xuño ata o 11 de xuño, no primeiro caso, e desde o 11 ao 15 de xuño, no segundo. A última parada nos centros educativos será o CPI Doutor Daniel Monje, en Navia de Suarna, onde estará entre o 18 e o 22 de xuño. Despois do verán a exposición continuará o seu percorrido a través das bibliotecas nodais de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES