A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza unha nova edición dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto), convocados anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e cunha dotación económica de 6.000 euros para cada un dos galardóns.
Segundo se recolle nas bases que acaba de aprobar o Consello de Dirección da Agadic baixo a presidencia do conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, os tres premios tamén contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Axencia mantén en colaboración con varias editoriais galegas. A convocatoria e as bases faranse públicas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) o martes 17 de abril, data a partir da que se abrirá o prazo de recepción de orixinais, que se estenderá ata o vindeiro 11 de xuño.
Textos en galego e inéditos
Poderán optar a estes galardóns, que comparten como obxectivo o estímulo da creación literaria no eido dramático, textos teatrais inéditos escritos en galego e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.
Para a avaliación de todos os textos recibidos na forma e prazo que indican as bases constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Para tomar a súa decisión, que será comunicada antes do 30 de novembro, valorará aspectos que teñen que ver coa calidade literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.
O Premio Álvaro Cunqueiro alcanza este ano a súa vixésimo primeira edición, confirmándose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego. O seu último gañador ata o momento é o vigués Marcos Abalde, coa obra A cegueira, que en 2011 se sumou á destacada nómina de dramaturgos galegos que teñen no seu haber este recoñecemento: Raúl Dans (2010 e 1994), Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990) e Euloxio R. Ruibal (1989).
Ademais, en 2011 Paula Carballeira gañou o VI Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto O refugallo, mentres que o Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques que este ano celebra a súa décima edición quedou deserto nas súas dúas modalidades.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.