Notas de prensa

Ensino 2012 reúne a expertos que analizan o futuro da formación profesional

ExpoCoruña acolle do 11 ao 14 de abril a Mostra Ensino 2012, promovida pola Consellería de Educación e Cultura, que amosará á cidadanía, a realidade do sistema educativo e o Congreso paralelo ocuparáse tamén das TIC, o plurilingüismo e a diversidade nas aulas. Expertos analizan, tamén, o futuro e as potencialidades da formación profesional no ensino.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne na primeira xornada da Mostra do Ensino 2012 a expertos do eido da Formación Profesional que afondarán no futuro e posibilidades destas ensinanzas, no marco do congreso Formación e competencias na nova sociedade, organizado ao abeiro deste avento. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, será o encargado de inaugurar mañá a Mostra do Ensino 2012, que se celebra en ExpoCoruña entre o 11 e o 14 de abril, e para cuxo patrocinio a Consellería contará coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, así como de diversas empresas que veñen colaborando coa administración educativa. A Mostra ocuparase de amosar á cidadanía a realidade do sistema educativo galego, mentres que no seu Congreso terán cabida, amais da FP, as TICs, o plurilingüismo e a diversidade nas aulas.

O primeiro en intervir na primeira xornada do congreso será o presidente da Cámara de Comercio de Alemaña en España e patrono da Fundación Bertelsman, Carsten R. Moser, quen pronunciará a conferencia inaugural. O experto alemán en asesoramento a empresas e institucións falará da situación económica no noso país, no contexto de crise internacional, e dos factores que definen a competitividade do sistema produtivo español. Así mesmo, centrará parte da súa intervención na importancia do capital humano e nas competencias profesionais que son precisos para acadar unha correcta inserción no mercado laboral actual.

O programa de relatorios desta primeira xornada completarase coa intervención da encargada de Educación, Xuventude, Cultura e Cidadanía no Concello de Berlín, Dorlies Radike-Thiel, que afondará nas particularidades do sistema de formación dual que se desenvolve en Alemaña.

Mesas redondas

Ademais, desenvolveranse senllas mesas redondas ao longo do día. Na primeira delas, sobre o papel dos centros integrados de formación profesional na cualificación do capital humano, participarán o director xeral de Educación, Formación e Ordenación Universitaria da Consellería, José Luis Mira; e os seus homólogos das Comunidades Autónomas de Castela e León, Enrique de la Torre; País Vasco, Mª José Madariaga; e Comunidade Valenciana, Felipe Codina.

Xa pola tarde afondarase na importancia da formación para o emprendemento na mesa redonda “Aprender a emprender: xeración de valores para un novo modelo económico”, na que participarán a presidenta de AJE Galicia, Patricia García; o director xeral de IMATIA, Fernando Vázquez; o presidente executivo do Grupo Blusens, Jose Ramón García; e o presidente do grupo Azetanet e do Cluster TIC de Galicia, Gerardo Crespo.

Como peche do programa do mércores o subdirector xeral de FP da Consellería, Manuel Corredoira; e o xefe de servizo de Ordenación e FP, Xosé Romarís, presentarán a nova programación da Consellería para a elaboración de programacións de Formación Profesional.

Congreso e actividades

O congreso Formación e competencias na nova sociedade, dirixido ao profesorado e aos profesionais do ámbito empresarial, abordará a través de conferencias e mesas redondas, os novos retos e as innovacións que, en diversas áreas da educación e da formación, se demandan nun mundo globalizado.

O congreso estrutúrase en catro xornadas, das que as tres primeiras, dirixidas ao profesorado, se centran na Formación Profesional, as Tecnoloxías da información e da comunicación e o ensino e aprendizaxe das linguas estranxeiras. A última xornada, a do día 14, será de portas abertas ao conxunto da cidadanía, e xirará arredor da Atención á diversidade a familia.

Ademais do Congreso, a Mostra do Ensino Galicia 2012 contará con 51 stands destinados a amosar á cidadanía, familias e alumnos, a realidade do sistema educativo galego, para que poidan tomar as mellores decisións de cara a súa formación e o seu futuro académico e profesional. Na zona de exposicións, no so estarán os stands das institucións e as empresas, senón tamén outros ocupados por Abalar, Eduemprende, Galiciaskills ou os temáticos relativos a sectores profesionais como as enerxías alternativas, fabricación mecánica, actividade agraria, instalación e mantemento de enerxía e auga, hostalaría e turismo, química e sanidade, mantemento de vehículos autopropulsados, ou acreditación profesional e carnés profesionais, entre outros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-04-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES