Notas de prensa

As literaturas galega e universal dialogan en “Galicia, ceo das letras 2012”

Otero Pedrayo, Castelao, Pardo Bazán, García Lorca, Jorge Amado e James Joyce completan o programa que abre Celso Emilio Ferreiro e no que se pon en valor o patrimonio literario a través dun formato multidisciplinar, no que a literatura dialoga coa música, o cine ou o teatro.

Galicia, Ceo das Letras, o ciclo literario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dedicado a poñer en valor a literatura galega en diálogo coa literatura universal, volve o 14 de abril á Cidade da Cultura. Durante sete sesións e ata final de ano desfilarán polo auditorio da Biblioteca de Galicia tres autores cumio das letras galegas como son Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo e Castelao, unha destacada escritora galega da literatura castelá como é Emilia Pardo Bazán e un elenco de escritores de referencia mundial aos que nos unen a veciñanza, a lingua ou o mesto universo da imaxinación, como son Federico García Lorca, Jorge Amado e James Joyce.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e do coordinador do ciclo, Marcos Lorenzo, presentou esta mañá esta nova edición de Galicia, Ceo das Letras, nun acto no que destacou a coidada selección de autores da edición de 2012, na que se combina un tributo especial á Xeración Nós coa conexión galega con escritores iberoamericanos.

Literatura en diálogo con outras disciplinas artísticas

A Cidade da Cultura recupera así un dos ciclos máis exitosos da programación de 2011, que ofrece unha visión novidosa das grandes figuras das nosas letras a través da sinerxía entre literatura e outras disciplinas artísticas como a música, o cine ou o teatro. Precisamente, seguindo o camiño iniciado en 2011, cada unha das sete sesións que dará vida a estes “Sábados de autor” constará dunha charla inicial impartida por expertos de referencia como Ramón Nicolás, Ramón Villares, a escritora Marina Mayoral ou o poeta Luis García Montero.

A sesión completarase cunha actuación artística –música, cine, teatro etc.– ligada ao espírito do escritor homenaxeado. Pola Cidade da Cultura pasarán este ano tres colosos do punk como son os integrantes de Labregos do Tempo dos Sputniks, os músicos Ugia Pedreira e Marcos Teira, integrantes do grupo Marful; ou o escritor, xornalista e músico bravú Xurxo Souto.

A inscrición en cada unha das sete sesións é gratuíta, previa reserva en www.cidadedacultura.org, e o prazo para a xornada do 14 de abril ábrese hoxe mesmo.

Galicia, Ceo das Letras infantil

Como novidade, a edición de 2012 de Galicia, Ceo das Letras contará tamén cos máis pequenos, aos que introducirá no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Cuns contidos deseñados especialmente para eles, os participantes na versión infantil do ciclo descubrirán a vida, época e obra de autores universais a través de tres pasos: “vexo, fago, falo”. Dúas horas nas que os rapaces gozarán dun espectáculo artístico no que serán os propios protagonistas da actividade, a través de obradoiros, de xogos, da plástica e da música.

Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento
Con motivo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o ciclo Galicia, Ceo das Letras tamén se suma a esta celebración e inicia a súa andaina o sábado 14 de abril ás 12:00 cunha sesión dedicada ao poeta de Celanova. Baixo o título “Celso Emilio e a dignidade da terra”, o profesor e crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez, experto na figura do escritor, será o encargado de introducir o público no seu universo. A actuación musical correrá a cargo de Labregos do Tempo dos Sputniks, un tributo punk aos versos de Celso Emilio.

Tras a sesión de Celso Emilio, o sábado 12 de maio dedicaráselle ao escritor brasileiro Jorge Amado. A charla correrá a cargo de Basilio Losada, tradutor, crítico literario, ensaísta, narrador e primeiro catedrático de Literatura Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona. Tras el, proxectarase o documental Jorge Amado no cinema, obra do iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha.

Xuño estará dedicado á escritora Emilia Pardo Bazón. No sábado de autor do 16 de xuño e baixo o título “Pardo Bazán ou a lucidez indómita”, a novelista galega Marina Mayoral, unha das máis destacadas coñecedoras da obra de Pardo Bazán, será a encargada de inaugurar a sesión, na que se estreará a reportaxe-documental Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, dirixido por Zara Ceballos e producido por Zenit Televisión para a Televisión de Galicia.

Galicia, Ceo das Letras viaxará o 14 de xullo a Irlanda para adentrarse na figura dun dos seus autores máis universais: James Joyce. A sesión contará cunha conversa entre os catedráticos de Filoloxía Inglesa e expertos na obra do autor do Ulyses Francisco García Tortosa, presidente da Asociación Española James Joyce, e Antonio Raúl de Toro Santos, presidente do Instituto Universitario de Investigación de Estudos Irlandeses (Amergin).

A xornada contará, ademais, coa proxección Dedalus en Compostela e a actuación musical Chamber Music, na que a mezzosoprano Marion Sarmiento e o pianista Nicasio Gradaille interpretan seis cancións do compositor estadounidense Samuel Barber, que poñen música a seis dos poemas da obra Chamber music de Joyce.

Despois do verán, o ciclo regresará o 20 de outubro coa sesión Otero Pedrayo, notario de todas as cousas, na que Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea e presidente do Consello da Cultura Galega, introducirá o público na vida e obra do escritor ourensán. Tras el, interpretarase a obra Fidalgo, a cargo da compañía Casa Hamlet.

O 17 de novembro resérvase para Federico García Lorca, nun sábado de autor que contará coa presenza dun dos grandes coñecedores da súa obra: o poeta, ensaísta, literario e catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada Luis García Montero. Os músicos Ugia Pedreira e Marcos Teira, integrantes do grupo Marful, serán os encargados de pechar a xornada coa súa interpretación de Seis poemas inéditos de Lorca.

Castelao pechará o ciclo

Galicia, Ceo das Letras 2012 baixará o pano o 15 de decembro cunha sesión dedicada a un dos máximos referentes da literatura galega: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O relatorio sobre a súa figura correrá a cargo de Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente segundo da Fundación Castelao, ao que seguirá un espectáculo de monicreques e sombras realizado por Títeres Cachirulo baixo o título Cousas da vida. A derradeira sesión concluirá coa intervención de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú, que recitará o célebre discurso de Catelao Alba de Gloria.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-03-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES