O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro participou xunto coa xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago, e a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, no acto inaugural da exposición da obra do pintor lucense Blas Lourés, que tamén estivo presente no acto, acompañado pola súa muller. A mostra estará aberta ao público ata o 15 de xuño no Museo Provincial de Lugo.
Esta exposición está formada por 57 pinturas, 15 gravados, 10 esmaltes e centos de debuxos recollidos nunha proxección audiovisual, e representa unha vida enteira dedicada á arte, na que se poden apreciar varias etapas de Blas Lourés como artista: os seus inicios máis realistas, a etapa vermella ou a etapa azul; e na que da cabida a diferentes estilos: realismo, cubismo, expresionismo, así como outras tendencias nas que toman parte formas xeometrizadas e certo grao de abstracción, aínda que na súa obra prevalece a figuración.
A mostra non só recolle obras de propiedade do autor senón que tamén conta con pezas pertencentes ao Museo de Lugo, ao Concello e a coleccionistas particulares. Da colección pertencente ao Museo móstranse, entre outras, obras como Cabalo Roxo ou Autorretrato, de 1977 e 1978, respectivamente, que foron doadas polo artista lucense no verán de 2009.
Mario Outeiro afirmou que podemos considerar esta exposición como unha das máis completas que se teñen feito ata o día de hoxe da obra de Blas Lourés, a quen o delegado de Cultura da Deputación cualificou de ser un gran pintor, cun gran apego á súa terra, Lugo, o que demostra na temática dos seus cadros, recreando labores do campo ou o casco urbano da cidade e a súa actividade; cunha obra pictórica galardoada en numerosas ocasións e que foi quen de compartir inquietudes e experiencias con escritores lucenses como Uxío Novoneyra, Ánxel Fole ou Darío Xohán Cabana, aos que ten ilustrado as súas obras literarias.
Mario Outeiro tivo palabras de agradecemento e deu os parabéns aos organizadores desta mostra, coa que colaboramos compracidos dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo. Son de agradecer iniciativas como a que nos ocupa que permiten o achegamento da cidadanía a figuras fundamentais da nosa cultura como é, sen ningunha dúbida, o pintor Blas Lourés
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.