Notas de prensa

Gustavo Dudamel abre o Galicia Classics coa Sinfónica de Gotemburgo

Será o primeiro e único concerto de Gustavo Dudamel coa Sinfónica de Gotemburgo en Galicia. Un concerto que o día 28 de marzo abre na Coruña o ciclo Galicia Classics. Dudamel dirixe actualmente a Filharmónica dos Ãnxeles e a Simón Bolívar de Venezuela.

O célebre director venezolano Gustavo Dudamel inaugura o 28 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña o ciclo Galicia Classics 2012, cun concerto á fronte da Orquestra Sinfónica de Gotemburgo integrado por obras de Richard Strauss. As entradas para asistir a esta cita, primeira e única actuación en Galicia do que é considerado como o maior referente actual do repertorio clásico, poden adquirirse a partir mañá xoves día 15 a través da páxina web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es) e do teléfono 902 434 443.

A nova edición do Galicia Classics, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Musicais), ábrese así da man desta xa mítica figura, tanto polo seu talento profesional como pola súa actividade de compromiso social na achega da música a nenos e nenas de comunidades desfavorecidas. O calendario íntegro, os artistas e os contidos de todos os concertos previstos para este ano presentaranse o vindeiro 21 de marzo en Santiago.

Dudamel, un dos impulsores de “El Sistema de Orquestas” venezolano e director titular da Filharmónica dos Ãnxeles (EUA) e da Simón Bolívar, visita Galicia coa súa formación europea, a Sinfónica de Gotemburgo, que é a orquestra nacional de Suecia. O programa do concerto incluirá obras tan famosas de Richard Strauss como os poemas sinfónicos Don Xoán ou Así falou Zaratustra.

Entre os máis influentes

Aos seus 31 anos, Dudamel foi elixido pola revista Time como unha das cen persoas máis influentes do mundo. Aínda que polo seus compromisos como director musical ten que pasar 43 semanas anuais entre Estados Unidos, Suecia e Venezuela, actúa tamén como director convidado nalgunhas das orquestras más importantes do mundo. Esta temporada, por exemplo, volveu dirixir a Filharmónica de Viena e a Filharmónica de Berlín, ademais da Orquestra Filharmónica de Radio France en París e a Filharmónica de Israel. Visitará así mesmo La Scala de Milán, onde dirixe habitualmente, para interpretar a Sinfonía Nº 2 de Mahler, que gravará a RAI.

Baixo o seu liderado, a Filharmónica dos Ãnxeles creceu considerablemente a través do programa LA PHIL LIVE (retransmisións dos concertos para toda Norteamérica); e da orquestra xoven (YOLA), influenciada polo recoñecido “El Sistema” de Venezuela. Coa YOLA, Dudamel achega a música a nenos de comunidades desfavorecidas nos Ãnxeles e sirve de inspiración para iniciativas similares no resto dos Estados Unidos, así como doutros proxectos en Suecia e Escocia. Coa Simón Bolívar de Venezuela, Gustavo Dudamel chega á súa décimo terceira temporada e, ademais de levar a cabo o gran concerto do bicentenario do país, actuará no Festival de Salzburgo, BBC Proms, La Scala e noutras salas de Italia, Suíza e Turquía.

Dudamel vén a Galicia por primeira vez como director musical da Orquestra Sinfónica de Gotemburgo, onde comezou a súa quinta temporada con concertos en Gotemburgo e Estocolmo, así como cunha xira por Portugal e España.

Gustavo Dudamel é un dos directores máis galardoados da súa xeración. En outubro de 2011 foi nomeado Artista do Ano polo selo Gramophone; e en maio ingresou na Real Academia Sueca da Música. No ano anterior, recibiu o Premio Eugene McDermott das MIT. En 2009 ingresou en l’Ordre des Arts et des Lettres como Chevalier en París e recibiu un doutorado honorífico da Universidade Centro-Occidental Lisandro Alvarado na súa cidade natal, Barquisimeto. En 2008, a Joven Orquesta Simón Bolívar foi distinguida co Premio Príncipe de Asturias das Artes e, xunto ao seu mentor, José Antonio Abreu, recibiu o Premio “Q” da Universidade de Harvard polo seu extraordinario servizo aos nenos.

Como artista en exclusiva de Deutsche Grammophon desde 2005, ten editados quince discos; e no tocante a vídeos/dvd, protagonizou seis lanzamentos cos concertos máis importantes da súa carreira.

Orixe humilde

Dudamel provén de orixes humildes na pequena cidade de Barquisimeto. Nado en 1981, comezou a recibir clases de violín de rapaz con José Luis Jiménez no Conservatorio Jacinto Lara; e continuou os seus estudos deste instrumento con José Francisco del Castillo na Academia Latinoamericana de Violín. En 1996 estudou dirección con Rodolfo Saglimbeni e, ese mesmo ano, ofrecéronlle o seu primeiro posto como director na Orquestra de Cámara Amadeus. En 1999 foi nomeado director musical da Xoven Orquestra Simón Bolívar, onde continuou a estudar co seu fundador, o Dr. Abreu. En 2004 Dudamel captou a atención internacional ao gañar o Concurso Inaugural Gustav Mahler da Sinfónica de Bamberger. Estas temperás experiencias musicais forxaron o seu compromiso coa música como clave para o cambio social, a súa grande paixón.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES