
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou no acto de presentación da nova cabeceira do semanario Terras de Compostela, co que comezará a editarse o ata de agora Tierras de Santiago, dando deste xeito un impulso ao galego nos medios de comunicación.
Durante a rolda de presentación o secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado polo director do semanario, Juan Salgado. García sinalou que desde a Xunta apoiamos todas aquelas iniciativas, que como esta empregan a lingua galega, e neste caso concreto consideramos de gran importancia que o xornal comece a editarse en galego, ao tempo que sinalou que con esta medida iniciase un proceso de incremento do uso de galego nos medios de comunicación, a través de compromisos de colaboración coas empresas editoriais.
A tiraxe
Deste xeito, o semanario Tierras de Santiago pasará a chamarse Terras de Santiago. Cómpre recordar que o xornal foi creado en 2006 pola Editorial Compostela, a mesma que a de El Correo Gallego; e que distribúe gratuitamente 30.000 exemplares nunha contorna que abrangue 26 municipios da área de Compostela.
O cambio de cabeceira, tamén implica unha maior presenza do galego nas súas páxinas, sinaladamente naquelas nas que se recolle información de interese para a mocidade. Deste xeito o xornal cumpre coas directrices feitas públicas pola secretaría xeral, e mesmo coa preocupación do Consello da Cultura Galega, de achegar o galego á xuventude, por tratarse dun colectivo que por formación académica foi ensinado na lingua que nos é propia e que, a pesar diso, mostra unha preocupante desafección cara o galego.
Terras de Santiago xa viña ofrecendo informacións e artigos de opinión en galego, e incrementará esta presenza partir da sinatura deste acordo e en sintonía co pensar da empresa editora, destacada ao longo da súa historia nese compromiso coa lingua. Do mesmo xeito a Xunta continúa a dar mostra do seu compromiso coa lingua galega tal e como queda co acordo asinado.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.