
O portal de emprego da Consellería de Traballo e Benestar rexistrou 336.000 accesos á oficina de emprego virtual no 2011, realizados por preto de 60.000 persoas, das que 3.900 accederon utilizando o certificado dixital da Fabrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e 1.180 o DNI electrónico.
Así o indicou a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, que participou na inauguración da Xornada sobre portais de emprego e redes sociais que tivo lugar en Ferrol.
Díaz explicou que estes 60.000 persoas realizaron máis de 58.000 renovacións da demanda, preto de 20.000 adscricións a ofertas, e máis de 25.000 solicitudes de cursos de formación sen necesidade de achegarse á oficina de emprego. No caso das renovacións, o servizo máis solicitado, tivo un incremento do 135% respecto ao período 2010.
O uso das novas tecnoloxías, tanto no portal de emprego como nos puntos de información, evitou en 2011 a realización de máis de 126.000 desprazamentos ás oficinas de emprego para facer a renovación da demanda en Galicia, o que supón un incremento do 33,54% fronte ao ano 2010. Estes desprazamentos aforraron aproximadamente 3.280.000 kilómetros aos cidadáns.
A directora xeral de Formación e Colocación indicou que, seguindo a liña de modernización das infraestruturas informáticas do Servizo Público de Emprego de Galicia, estanse a desenvolver aplicacións que permiten aos usuarios achegarse aos seus servizos, sen que sexa necesario o seu desprazamento ata unha oficina de emprego. Neste sentido, actúase tanto no desenvolvemento de servizos en Internet, completando a oficina de emprego virtual a través do portal de emprego (emprego.xunta.es) implantado en decembro de 2009, e completando os servizos dos puntos de información instalados ao longo do territorio da Comunidade Autónoma.
Incremento dos servizos
Así mesmo, Díaz avanzou que neste ano poranse en marcha novos servizos no portal de emprego, como a reactivación da demanda, que evita a aqueles demandantes que dispoñan dun certificado ou DNI electrónico, e que tiveron unha baixa por colocación no último mes, a necesidade de desprazarse á oficina de emprego para inscribirse de novo como demandante de emprego (sempre que non teña que modificar datos da súa demanda).
Por outra banda, na vindeira convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de accións de información, orientación e busca de emprego, correspondente aos exercicios 2012 e 2013, fomentarase a utilización de servizos da Web 2.0 do blogue de orientación como un servizo personalizado que forma parte das devanditas accións de orientación laboral.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.