Notas de prensa

Feijóo gaba a obra de Neira Vilas no LI aniversario de Memorias dun neno labrego

O presidente do Goberno galego presidiu a homenaxe a Xosé Neira Vilas con motivo do LI aniversario da publicación do seu libro “Memorias dun neno labrego”. Eloxiou a obra literaria do escritor porque “permite apreciar o inmenso esforzo dun país por erguerse” e porque é “un manual para entender Galicia e para querela”.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou a obra literaria de Xosé Neira Vilas porque nela, dixo, reflíctese a memoria da nosa terra e “permite apreciar o inmenso esforzo dun país por erguerse”. Así o manifestou na homenaxe que esta tarde se lle brindou ao autor galego con motivo do LI aniversario da publicación do seu libro “Memorias dun neno labrego”.

O mandatario referiuse a esta obra coma un libro que transmite vida: “Hai libros que se len e outros que foron vividos, e que reviven cada vez que alguén os abre” para conducirnos ata a lembranza “dunha aldea á que se vencella o noso espertar á vida”, dixo. “Tense dito que que a patria do home é a infancia. No caso dos galegos, hai unha matria que é a terra”, abondou.

Segundo Feijóo, no libro, Neira Vilas amosa unha forma de “emigración literaria que demostra que Galicia pode ser creadora de arquetipos universais; unha emigración emocional que proba que a nosa lingua forma parte das grandes correntes culturais”, sinalou.

Un manual para entender Galicia e para querela

Sobre Xosé Neira Vilas, o presidente da Xunta destacou que, ao contrario doutros escritores, “non é pretencioso”, senón que a súa grandeza está “na sinxeleza, na capacidade para relatar o transcurso da vida”, unha pauta que segue en toda a súa obra. Feijóo salientou como para este autor durante moito tempo “a Galicia do alén do mar foi a súa Galicia interior”, e como “tomou o relevo da que aquí vivía nun 'soño sulagado'”, observou.

Para o titular da Xunta “ninguén saberá o que fomos e de onde vimos sen visitar a prolífica obra de Neira Vilas”, que cualificou coma “un manual para entender Galicia e para querela”. “Ninguén que queira sentir a emoción dun idioma puro, natural, capaz de expresar as emocións máis fondas pode eludir a lectura dos seus libros”, recoñeceu. Un idioma, dixo, “espido, que con cada palabra fai vibrar un acorde da nosa galeguidade”.

O presidente galego resaltou que “o que máis asombra do testemuño de Neira Vilas é que esa Galicia que narra, esa emigración que describe, estiveran vixentes hai tan pouco tempo”. Por iso, asegurou, a Neira Vilas “debémoslle un dobre agradecemento como galegos”, porque “non só logrou que non se perdera a memoria tenra e amarga de moitos nenos labregos, senón que nos permite apreciar o inmenso esforzo dun país por erguerse”.

“Somos fillos e netos dunha terra moitas veces ingrata, que soubemos transformar”, dixo Feijóo; por iso, ao igual que o protagonista da obra, “decidimos que o destino dependera da nosa vontade, e chegamos ata aquí, e estamos dispostos a seguir adiante malia todos os problemas do mundo de hoxe”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES