Notas de prensa

A obra Piratas, de Teatro do Noroeste, pecha a Mostra Infantil de Nadal

A Mostra de Teatro Infantil de Nadal 2011 pecha as representacións coa posta en escea da obra "Piratas" por Teatro do Noroeste. Cóntanse as aventuras dun barco pirata moi particular e dos membros da perigosa tripulación.

A compañía Teatro do Noroeste coa súa última produción, Piratas, pecha o venres 30 de decembro a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que organizada polo Centro Dramático Galego (CDG) veu desenvolvéndose ao longo desta semana no Salón Teatro de Santiago. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, Piratas é unha divertida montaxe –recomendada para todos os públicos pero en particular para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos– sobre as aventuras que acontecen a bordo dun barco de bucaneiros moi especial.

A historia comeza cando un trebón fai naufragar ao bergantín “Princesa dos Mares”, unha das máis temidas embarcacións piratas de todos os océanos. Algúns membros da súa perigosa tripulación conseguen sobrevivir nunha balsa, que agora é a balsa pirata “Raíña da Escuma”. O terrible pirata Patachula dirixe unha tripulación composta polo grumete Mingallas, natural da illa da Tartaruga, o esforzado Ollovirollo, co seu parche no ollo e o seu papagaio Velasvir, e sobre todo, a muller pirata Cachaza. Todos eles encherán de andanzas os mares do Sur, realizando conquistas como a da famosa Illa da Flor Nacente, ou descubrindo onde se agocha o tesouro do pirata Bocanegra.

Segunda produción para nenos

Aínda que Noroeste é unha compañía galega dedicada ao teatro dirixido a adultos desde hai case 25 anos, non é a primeira vez que aborda un texto infantil, pois xa o fixera en 2000 con O País Acuático.

En Piratas, Eduardo Alonso (Premio da Cultura Galega 2010 na categoría de Artes Escénicas) asume novamente o reto de escribir e dirixir unha peza para nenos, e encárgase ademais da iluminación na súa posta en escena. Alejandro Carro, Laura Míguez, Fernando González e Victoria Pérez conforman o elenco actoral da montaxe que conta tamén co labor de Paco Conesa na escenografía e no vestiario; Brais Morán na selección musical; Títeres Cachirulo na construción de monicreques e elementos escénicos; e Luma Gómez na axudantía de dirección.

As últimas entradas para asistir á función de Piratas están á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto desde as 17.00 horas. Ademais, poden adquirirse por adiantado a través da web www.entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira do teatro) un bono de seis entradas por 30 euros.

Coa representación de Piratas o Salón Teatro remata a súa programación de 2011. O espazo escénico que xestiona o CDG volverá a abrir ao público coa nova carteleira deseñada para 2012 o vindeiro venres 13 de xaneiro, data na que acollerá a estrea do espectáculo Tokio3 a cargo da compañía Voadora.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES