Notas de prensa

Raquel Arias reivindica a permanencia dos valores que garda o legado popular e a súa compatibilidade "cunha ollada global"

A representante da Xunta en Lugo presentou o XL Nadal de Begonte, que ten como manifestación máis destacada o belén electrónico e cuxo pregón de apertura correrá a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que o belén de Begonte e todo o movemento cultural e social que hai arredor del representa “un gran exemplo vital para todos nós”. Arias fixo estas declaracións durante a presentación do XL Nadal en Begonte, unha representación cultural que engloba un abano de propostas culturais que se desenvolven ao longo de case dous meses e que ten como máis destacada manifestación o xa tradicional belén electrónico. Na presente edición, o pregón de apertura correrá a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Arias considerou que o Nadal en Begonte é unha proposta que “engarza cultura, relixiosidade e manifestación social”, recollendo mostras do noso acervo cultural. Neste sentido, a delegada territorial aludiu a que hai que seguir valorando “o popular, o rural e o natural” característico da nosa sociedade. “Os valores que aínda perviven nas aldeas desta comunidade teñen que compatibilizarse cos da nosa sociedade, por moi avanzada que sexa, por moi global que resulte a nosa contemplación do contorno”, subliñou a máxima representante do Executivo galego na provincia durante a presentación do Nadal en Begonte.

Respecto ao pregón, Arias asegurou que “a organización garantiuse a presenza do mellor embaixador de Galicia na actualidade, Alberto Núñez Feijóo”. Neste sentido, a presente edición será a segunda que contará como pregoeiro co presidente galego, posto que no ano 1992 fora Manuel Fraga quen abrirá as actividades.

En canto as iniciativas culturais que engloba o XL Nadal en Begonte, o mesmo día da inauguración actuará o Orfeón Lucense, que abrirá un especial tempo cultural no que se desenvolverán os certames de xornalismo –patrocinado pola Xunta de Galicia-, poesía, debuxo infantil e o Certame Galego de Arte, todos eles convocados polo centro cultural José Domínguez Guizán.

Así mesmo, a mostra Imaxes do Nadal será exposta en Cospeito e en Vilalba, mentres que as obras pictóricas presentadas ao Certame Galego de Arte serán expostas ao público primeiro en Begonte e logo en Lugo, na sala de arte do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia. A tempada do Nadal en Begonte pecharase o 28 de xaneiro coa entrega de premios e a actuación da Coral Polifónica de Vilalba.

Na presentación destas actividades participaron tamén José Ulla Rocha, alcalde de Begonte; Pilar Gómez, viúva de José Rodríguez Varela, artífice do belén, e o vicepresidente do centro cultural begontino, Xulio Xiz.

Fotografía: Carlos Rodríguez Arias

Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, 2011-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES