
O Diario Oficial de Galicia publica o martes 8 de novembro o decreto polo que se acepta a cesión en réxime de comodato dunha colección documental do escritor Carlos Casares. Este decreto da Consellería de Facenda foi aprobado o pasado 22 de setembro polo Consello da Xunta e ten como obxecto que a Consellería de Cultura e Turismo utilice estes documentos na Biblioteca e no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia. O comodato terá unha duración de trinta anos coa fin de promover o estudo do fondo bibliográfico e documental, fomentar, difundir e estender o coñecemento xeral do patrimonio cultural galego e a formación de investigadores. A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.
A colección documental está composta por aproximadamente 6.000 volumes de obras de variada temática e tipoloxía, e arquivo particular composto por manuscritos e mecanoescritos orixinais das súas novelas, contos, artigos, ensaios, discursos, recortes de prensa, correspondencia recibida e documentación relativa ao desempeño da súa faceta profesional e institucional.
O fondo bibliográfico e documental de Carlos Casares é de interese para a Consellería de Cultura e Turismo, xa que aporta numerosos e importantes fondos bibliográficos e novidosos e valiosos fondos documentais que constitúen unha achega cultural de incalculable valor para a sociedade galega en xeral e para a Biblioteca de Galicia en particular, á que lle corresponde velar pola conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo difundirá de maneira permanente e mediante as canles habituais a composición do fondo bibliográfico e documental, así como os requisitos e facilidades para acceder ao mesmo por parte de estudosos e investigadores.
Esta cesión implica a utilización dos fondos bibliográfico e documental para a investigación e a súa difusión de maneira permanente. Do mesmo xeito, a Fundación Carlos Casares colaborará coa Biblioteca de Galicia no inventariado, catalogación e documentación dos fondos, así como na súa difusión.
Dentro da Biblioteca de Carlos Casares destacan coleccións completas de autores nacionais e estranxeiros, en idioma orixinal e tamén en traducións ao galego e ao castelán. Algúns libros datan dos anos trinta e responden á herdanza familiar, aínda que a maioría do fondo bibliográfico data dos anos 60 e 80 do século XX. Deste fondo achégase o inventario de 3.080 libros que se custodian na Fundación Carlos Casares e que constituirán a primeira entrega de material á Biblioteca de Galicia.
O Arquivo Particular de Carlos Casares está formado por manuscritos e mecanoscritos de novelas, contos, artigos, ensaios, discursos, cartas, conferencias, notas e borradores do escritor, así como por fotografías, recortes de prensa, correspondencia recibida e documentación relativa ao desempeño da súa faceta profesional e institucional. Estes documentos amósanos a un Carlos Casares fóra do seu traballo como escritor, isto é, como editor na editorial Galaxia, parlamentario durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galicia, académico da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega, presidente do PEN Clube de Galicia e como padroeiro de diversas Fundacións. No momento actual, este arquivo componse de 102 carpetas e caixas que recollen 6.995 documentos en papel inventariados e 2.477 imaxes das que 1.100 son fotografías positivadas e 1.377 son diapositivas.
Gran produción literaria
Carlos Casares Mouriño é un dos persoeiros máis destacados da cultura galega do último terzo do século XX, que viviu entre os anos 1941 e 2002. Profesor e catedrático de instituto, que destaca en varias facetas da creación, a difusión e a xestión cultural, pero de maneira moi especial no ámbito da creación polo que foi galardoado e recoñecido nos ámbitos cultural e científico.
Como creador literario sobresae no campo da novela con obras recoñecidas como Xoguetes para un tempo prohibido polo que recibiu o Premio Galaxia e Premio da Critica española; Os escuros soños de Clío Premio da crítica galega; Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán. No campo da literatura infantil foi recoñecido por obras tan populares como A galiña azul ou As laranxas mais laranxas de todas as laranxas, realizando a tradución ao galego da obra clásica de Antoine de Saint Exupéry O Principiño. No campo da biografía desenvolveu un amplo traballo de achegamento e estudo á obra e personalidade de figuras capitais da cultura galega, como Ramón Otero Pedraio, Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Anxel Fole, Martin Sarmiento ou Ramón Piñeiro.
Carlos Casares cultivou tamén con acento o ensaio en traballos como Hemingway en Galicia ou un País de palabras e foi un colaborador asiduo da prensa galega con columnas xornalíticas de gran éxito, primeiro Con esta lupa realizada en La Región de Ourense, e despois con A ledicia de ler e Á marxe en La Voz de Galicia, polos que recibiu os premios Fernández Latorre e Julio Camba. A Xunta de Galicia recoñeceu a súa importante traxectoria concedéndolle en 1989 o Premio á Creación Cultural.
Ademais de todas estas facetas que o caracterizan como un dos autores galegos máis importantes do último terzo do século XX, recoñecido coa súa elección como membro da Real Academia Glaega, na que ingresou no ano 1978, Carlos Casares desenvolveu outras moi importantes labores nos espazos culturais e políticos de Galicia. Así, durante a lexislatura 1982-1986 exerceu de deputado no Parlamento Galego xogando un importante papel nos debates e redacción da Lei de Normalización Lingüística, e no campo da xestión cultural destaca, entre outros o seu traballo como director da Editorial Galaxia e da revista Grial, e como Presidente do Consello da Cultura Galega dende o ano 1996 ata a súa morte no ano 2002.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.