Notas de prensa

A capacitación lingüística en galego da cidadanía avanza da man das novas tecnoloxías

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, as direccións xerais de Administración Pública e de Xustiza, e a EGAP presentan os primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas para o persoal das administracións. Política Lingüística tamén vén de actualizar o contido destes cursos a través da publicación dunha nova orde.

A Xunta de Galicia xa dispón dunha nova modalidade de formación para mellorar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas. Trátase dos primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas, que foron presentados polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polos responsables das direccións xerais de Administración Pública e Xustiza, Norberto Uzal e Juan José Martín, respectivamente; e polo director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa.

Esta modalidade en liña inaugura unha nova etapa na formación específica en galego que ofrece a Xunta de Galicia. Para isto, “aproveita as vantaxes das novas tecnoloxías na busca de mellorar a capacitación lingüística das empregadas e dos empregados públicos”, segundo afirmou hoxe Anxo Lorenzo durante a rolda de prensa realizada na EGAP. “A innovación nos formatos de aprendizaxe permítenos acadar un servizo adaptado ás demandas da sociedade actual, asegurou o secretario xeral. “Deste xeito –engadiu– estamos a darlles máis facilidades á cidadanía que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego, podemos chegar a un público moito máis amplo e tamén ofrecer un maior número de cursos cun menor investimento”.

Anxo Lorenzo explicou que para esta primeira edición de 2011 están convocados un total de 18 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio, 13 para o persoal da Administración autonómica e 5 para a local. Tamén se realizarán 4 cursos en liña para o o persoal da Administración de xustiza de Galicia e para o destinado fóra da comunidade. Ademais desta modalidade de teleformación, a secretaría xeral convocou para este 62 cursos de linguaxes administrativa e xurídica galegas na modalidade presencial, en colaboración coa EGAP, coa Dirección Xeral de Xustiza e co Instituto Nacional de Administración Pública.

Formación específica en galego para o persoal das administracións

Os cursos de especialización teñen como finalidade darlles formación específica aos traballadores e traballadoras das distintas administracións públicas na súa lingua de especialidade. Con ese mesmo fin, e como alternativa á formación presencial, os cursos na modalidade de teleformación ofrecen novas posibilidades para xestionar os recursos e o tempo dedicado á capacitación lingüística.

Recursos dispoñibles na plataforma web

A plataforma virtual dos cursos dispón dunha sección de recursos na que o alumnado ten á súa disposición diferentes ferramentas lingüísticas, así como outro material de utilidade para o desenvolvemento do curso. Glosarios con termos específicos de linguaxe administrativa e xurídica galegas, materiais básicos de consulta, vocabularios con terminoloxías sectoriais de acceso libre na rede, manuais de estilo e redacción, sitios web desde os que se pode acceder á lexislación de interese para o curso, vídeos relacionados coa materia, e unha hemeroteca con artigos xornalísticos e de investigación vinculados con este campo son algúns dos recursos que o alumnado pode consultar a través da plataforma virtual.

O desenvolvemento dos cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galega ten unha duración de 75 horas. A realización desta primeira edición de 2011 terá lugar a partir do próximo mes de setembro e cada curso prolongarase un total de oito semanas. As persoas que soliciten os cursos en liña unicamente deberán dispor dun ordenador con conexión á internet, dun navegador web co plugin de flash e dunha conta de correo electrónico.

Plan de Formación en Galego 2011

A formación xeral e específica en lingua galega constitúe un obxectivo básico e prioritario do proceso de dinamización lingüística. Consciente disto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por fomentar a competencia no idioma por parte da sociedade para que poida estar en disposición de usala en todo tipo de ámbitos de uso. Con este fin, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a impulsar o Plan de Formación en Galego 2011, onde se enmarca a oferta destes primeiros cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas. O plan tamén inclúe a convocatoria de probas obter a Certificación do coñecemento de lingua galega (Celga), que remataron esta fin de semana coa realización dos exames do nivel 1 e do nivel 3. Nesta convocatoria de 2011 para Galicia, o resto de España e Europa matriculáronse un total de 4.132 persoas.

Nesta mesma liña de actuación tamén se enmarca a nova orde pola que se regulan os cursos de linguaxes administrativa e xurídica galegas, de nivel medio e superior, e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 24 de xuño. Con ela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística actualizou o contido destes cursos, que contan por vez primeira cunha orde específica que os regula.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, 2011-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES