Notas de prensa

María Kodama, a viúva de Jorge Luis Borges, no ciclo Galicia ceo das letras

A Biblioteca de Galicia inaugura a mostra “Un percorrido polo universo borgeano”, na que se mostrarán libros, artigos, fotografías e correspondencia do autor do Aleph. Presenta Claudio Rodríguez Fer, autor de “Borges no labirinto galego”.

O ciclo “Galicia, ceo das letas” remata o sábado 25 de xuño cunha convidada de luxo: María Kodama, a viúva e derradeira musa de Jorge Luis Borges, que visitará a Cidade da Cultura de Galicia para participar na sesión adicada ao escritor arxentino, que se celebra precisamente cando se cumpren os 25 anos do súa morte.

Con motivo desta sesión, que estará presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurarase na Biblioteca de Galicia a mostra “Un percorrido polo universo borgeano”, que recolle correspondencia persoal, primeiras edicións, libros adicados polo autor, artigos en revistas ou xornais e retratos tomados por coñecidos fotógrafos. material que permitirá aos visitantes achegarse ao fascinante mundo deste autor. A exposición, que poderá visitarse ata o 24 de xullo, está patrocinada pola Fundación Internacional Jorge Luis Borges en colaboración co Centro de Arte Moderno.

Claudio Rodríguez Fer, poeta, ensaísta e autor do libro “Borges no labirinto galego”, será o encargado de presentar unha sesión na que María Kodama fará un percorrido polo mundo interior e universo literario do autor de “El Aleph”. A sesión rematará cun concerto de Mónica Monasterio e Horacio Lovecchio, intérpretes arxentinos de música tradicional e contemporánea xudeo-española, que prestan especial atención á poesía.

Co homenaxe a Borges remata un ciclo que comezou en xaneiro, poucos días despois da inauguración da Biblioteca e do Arquivo por parte dos Príncipes de Asturias. Dous sábados ao mes, o “Galicia, ceo das letras” homenaxeou a algúns dos máis grandes das letras galegas, como Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Cela, Martín Codax, Valle-Inclán, Cunqueiro, Valente, Torrente Ballester ou Blanco Amor. Xunta a eles, houbo tamén un espazo para autores de “literaturas veciñas”, como Pessoa ou Salvador Espriu.

Coa súa vocación de unir Literatura e outras artes, polo Auditorio da Biblioteca de Galicia pasaron non só escritores, poetas, ensaístas e historiadores, senón tamén músicos, actores ou cómicos, nomes como Uxía Senlle, Joao Afonso, Marina Rosell, o grupo de música antiga Martín Codax, os actores Charo López, José Luis Gómez, Cándido Pazó ou Quico Cadaval.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES