
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, inauguraron na Biblioteca Nodal de Pontevedra a exposición Castelao. Con motivo do 125 aniversario do nacemento do escritor de Rianxo, a Xunta de Galicia, a través destes dous departamentos, promove esta mostra itinerante que percorrerá nos próximos meses as bibliotecas nodais da comunidade galega e os centros escolares, co fin de achegarlle á sociedade a figura e a obra de Castelao.
Durante a inauguración, o responsable de Política Lingüística afirmou que intentar comprender a Galicia do século XX sen nos deter na figura de Castelao resultaría, sen dúbida, unha tarefa incompleta, parcial e orfa. De aí a importancia engadiu de favorecer iniciativas concibidas como unha actividade de divulgación e de espallamento do seu legado, do seu papel na construción da nosa historia e da nosa identidade cultural e política, entre a sociedade dos nosos días.
A lingua galega na obra de Castelao
Así mesmo, o secretario xeral explicou que os capítulos máis importantes da andaina vital e profesional de Castelao se van sucedendo a través das palabras e das imaxes destes sete paneis, igual que se sucede o seu talento artístico, literario e político nas diferentes vertentes da súa polifacética obra, onde a lingua galega é unha constante. Ao fío disto, Anxo Lorenzo incidiu na preocupación de Castelao pola situación e polo futuro do idioma, que está presente nas súas viñetas, na súa obra narrativa e ensaística, no humor irónico e sarcástico en que se asenta a súa crítica social e na súa faceta como político. Castelao dixo reafirmou a lingua propia de Galicia como o elemento que singulariza e que une o seu pobo. Agora tócanos a nós estar á altura deste legado inestimable e alimentar a semente dos seus esforzos a prol do galego.
Por outra banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou que a inmensa potencia artística de Castelao merece esta actualización e esta homenaxe, que coincide coa celebración do 125 aniversario do seu nacemento. Francisco López amosouse convencido de que Castelao estaría orgulloso deste país, onde a cultura se espallou a todos os recunchos, ao mesmo tempo que se vertebraba una sociedade con identidade propia.
Lembranza de Castelao para afrontar o futuro con confianza
O director xeral apostou por transmitirlle á xuventude o traballo que levaron a cabo as persoas que puxeron a súa fe nas posibilidades de Galicia, en referencia aos membros da Xeración Nós e, especialmente, a Castelao. Francisco López recoñeceu que aínda hai moito por facer, pero fixo fincapé en que a lembranza de Castelao que se fai na exposición é a dunha traxectoria vital que queremos ter para afrontar o futuro con confianza.
A exposición está comisariada por Xosé Ramón Fandiño, quen afirmou durante a presentación que Castelao é, xunto a Rosalía, o máis xenuíno expoñente da alma histórica de Galicia e a súa obra vén ser algo así como unha agra aberta para o coñecemento do devir histórico de Galicia. Por iso engadiu é unha delicia do corazón e dos sentidos poder traballar sobre calquera das súas actividades ou para ofrecer unha visión global da súa personalidade.
Para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Castelao, a Xunta de Galicia promoveu esta exposición itinerante que, a través de sete paneis con desenvolvemento teórico e complementada con sistemas interactivos e música ambiental galega, repasa a súa biografía e os acontecementos da súa polifacética personalidade.
Un percorrido pola vida e a obra de Castelao
O contido da mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.
Logo do seu paso pola Biblioteca de Nodal de Pontevedra, a mostra realizará a súa próxima parada en Santiago de Compostela, onde estará desde o 13 ao 31 de xullo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.