
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, inaugurou na Biblioteca Nodal de Lugo a exposición Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, nun acto no que tamén participou o escritor Xosé Neira Vilas, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo da provincia lucense, Xosé Carlos Andina; a responsable da biblioteca, Marisol González; e os comisarios da mostra, Valentín García e Luis Reimondez.
O responsable de Política Lingüística fixo especial mención durante o acto ao éxito editorial que Memorias dun neno labrego obtivo nos seus 50 anos de vida, case sen parangón na historia da literatura de noso. Anxo Lorenzo apuntou a mestría literaria e as virtudes humanas do autor, Xosé Neira Vilas, para explicar a repercusión dun libro que narra as peripecias de Balbino, un neno aldeán que se gaba da súa condición de labrego, que cuestiona as inxustizas sociais que padecen os da súa condición na Galicia do seu tempo e que se pregunta por que a súa lingua e a dos seus compañeiros, o galego, non é tamén a lingua da escola.
50 anos de Memorias dun neno labrego
A exposición constitúe unha homenaxe da Xunta de Galicia ao autor do libro máis lido e máis traducido da literatura galega, Memorias dun neno labrego, no ano en que se cumpren 50 anos da primeira edición da obra. Esta mostra, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e mais pola Deputación de Pontevedra, percorre, desde o mes de abril, as bibliotecas nodais e os museos de Galicia.
Comisariada polo secretario da Fundación Xosé Neira Vilas, Valentín García, e por Luis Reimondez a mostra Querido Balbino articúlase en dous eixos. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego, do que xa se imprimiron máis de 600.000 exemplares, e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino.
A exposición presenta tamén 10 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, que son Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín. A exposición conta cun catálogo explicativo, ilustrado por comentarios aparecidos ao longo deste medio século de vida de Memorias dun neno labrego, e inclúe un documento único: a carta que lle escribe Xosé Neira Vilás, desde a perspectiva actual, ao seu fillo literario, Balbino.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.