Notas de prensa

Galicia, País Vasco, Cataluña e Illas Baleares cooperan en política lingüística

Os catro gobernos autonómicos acordaron en Santiago de Compostela solicitar a inclusión do galego, do catalán e do éuscaro na base de datos terminolóxica da Unión Europea. Reuniuse a comisión de seguimento do protocolo.

Os máximos responsables da política lingüística de Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares –Anxo Lorenzo, Lourdes Auzmendi, Yvonne Griley e Margalida Tous, respectivamente– participaron hoxe na reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración que manteñen os catro gobernos en materia de política lingüística e que ten como obxectivo prioritario impulsar a presenza e o recoñecemento das súas linguas propias no ámbito estatal e europeo.

Segundo anunciaron en rolda de prensa, os catro gobernos acordaron na reunión solicitarlle á Comisión Europea a incorporación das súas linguas propias na base de datos terminolóxica da Unión Europea (UE), coñecida polas siglas inglesas IATE (InterActive Terminology for Europe).

O IATE, de acceso para toda a cidadanía, combina as bases de terminoloxía de cada un dos organismos e das institucións da UE nunha base única con máis de oito millóns de termos validados. Deste xeito, a importancia da inclusión do galego, do éuscaro e do catalán radicaría, por unha banda, no seu valor práctico, xa que este soporte terminolóxico permite buscar nunha lingua de partida termos aceptados na UE e atopar as súas equivalencias en calquera dos 23 idiomas oficiais que forman parte desta base. Por outra banda, a incorporación no IATE supón un paso adiante na presenza e no recoñecemento internacional das linguas galega, éuscara e catalá.

Cooperación autonómica en materia de política lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística de Galicia e os departamentos correspondentes de Euskadi, Cataluña e as Illas Baleares manteñen un diálogo permanente na promoción das súas linguas propias a través do protocolo de colaboración en materia de política lingüística.

Neste marco de traballo conxunto promóvense diversas iniciativas, que tamén centraron a orde do día da reunión da comisión de seguimento do protocolo realizada hoxe en Santiago. É o caso do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, cuxo obxectivo é recoñecer o labor realizado por persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística no Estado español.

Outra das accións nas que están a colaborar os catro gobernos é no establecemento dun convenio co Ministerio de Asuntos Exteriores para o recoñecemento mutuo das probas das titulacións e habilitacións de tradutor/a e intérprete xurado/a e de habilitación en cadea, co fin de que as persoas que superen as probas de calquera deles poidan exercer a súa actividade igualmente nos territorios das demais administracións asinantes.

A inclusión no ISBN dun díxito indicador da lingua, o seguimento do informe dos expertos en relación co cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias e a posibilidade de contar coa colaboración do Instituto Navarro do Vascuence o Euskarabidea no marco do protocolo tamén centraron os puntos de interese do encontro entre os catro gobernos.

Outra das accións nas que están colaborando os catro gobernos é no establecemento dun sistema de mutuo recoñecemento das habilitacións profesionais para tradutores e intérpretes xurados que, en exercicio das súas respectivas competencias, expiden os gobernos catalán, galego e vasco e da habilitación en cadea a partir das ditas habilitacións profesionais, así como das titulacións que expide o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Igualmente, acordaron establecer habilitacións de tradutores e intérpretes xurados entre as súas respectivas linguas.

Finalmente, os responsables de Política Lingüística abordaron o seguimento do informe do Comité de Expertos en relación ao cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, xa que este comité se entrevistará con estes gobernos durante a primeira semana de xullo.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Polígica Lingüística da Xunta de Galicia, 2011-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES