Notas de prensa

Pedro Armestre gaña o Premio A Imaxe de Galicia 2011

O reporteiro gráfico Pedro Armestre é o gañador da segunda edición do certame A Imaxe de Galicia, unha iniciativa de Novacaixagalicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que premia a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación durante o pasado ano 2010.

A imaxe gañadora, que foi distribuída pola axencia AFP Photo e publicada en varios medios, mostra un solitario brigadista no incendio da Porqueira do 14 de agosto de 2010, rodeado de fume e dunha luz alaranxada que cubre gran parte da escena.

A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, e o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, resaltaron na lectura do fallo " a capacidade de Armestre para capturar esta imaxe icónica, moi significativa, centrada nunha única persoa fronte a impoñente presenza das consecuencias do incendio". O autor ofrece outra perspectiva, igualmente dura, dos lumes forestais que tiveron lugar durante o verán do ano pasado en Galicia.

Ademais das súas cualidades técnicas e plásticas, os membros do xurado, do que formaban parte os fotoxornalistas Xoán A. Soler, Sofía Moro e Xulio Villarino, destacaron que o gañador desta segunda edición consegue alonxarse do primeiro impacto e substitúe a urxencia inicial por un dramatismo que convoca á reflexión nos ollos de quen observa a fotografía. "A soedade do brigadista, á vez pequeno e grande na inmensidade desa luz laranxa envolta en fume, móstrase cunha gran profundidade, dándolle á volta a un tema frecuente, e conseguindo, en suma, unha plasticidade que atrapa".

Pedro Armestre, nacido na Rasela (Verín, Ourense) en 1972, é fotógrafo profesional desde o ano 1993, comezando a súa andaina no laboratorio da Axencia Europa Press para continuar na Axencia Cover, no xornal El Mundo e na revista Interviú. Desde fai oito anos traballa para a axencia Internacional France Presse (AFP), que distribúe as súas fotografías en medios nacionais e internacionais.

Armestre participou nos últimos anos en distintas exposicións, entre as que se poden salientar "Supervivencia do mar", organizada polo Parlamento Europeo, en Bruxelas; Photoespaña ou Photoclima. Traballou en proxectos como "H2O, custe o que custe", imaxes aéreas onde se destacan os valores naturais da costa peninsular e as súas illas; ou "Detrás do obxectivo" (2010), a súa primeira incursión no documental onde se mostra precisamente a desesperación dos veciños e os esforzos dos membros dos distintos corpos que traballan na extinción dos lumes forestais en Galicia. Finalista no FotoCAM 2011, Armestre foi gañador do premio internacional San Fermín Gavanna Loungue en 2008 e finalista no Luis Ksado de 2010 coa imaxe "A supervivencia do mar".

Na sesión de decisión do xurado, que se prolongou ata case as nove da noite, seleccionáronse, en primeiro termo, 50 fotografías, que serán as que formen parte da exposición "A Imaxe de Galicia 2010" que poderá contemplarse ó longo deste ano en distintas sedes da Fundación Caixa Galicia. O xurado quixo destacar a calidade dos traballos presentados ó certame e felicitar ós fotógrafos que se presentaron ó premio, que este ano superou a participación do anterior, cun total de 117 fotografías, pertencentes a 43 fotógrafos.

A Imaxe de Galicia é unha iniciativa de Novacaixgalicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que naceu no ano 2009 para premiar a mellor imaxe informativa sobre a actualidade galega publicada nos medios de comunicación. O ano pasado, o premio foi gañado polo reporteiro gráfico Xoán Arias Soler, coa fotografía "Infante", que mostraba a saída dos soldados da Brilat para o Líbano.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2011-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES