Notas de prensa

Rosa Cedrón e Cristina Pato presentan en Lugo o primeiro traballo de Soas

As dúas intérpretes galegas actúan o mércores, 15 de xuño, na Praza de Santa María para presentar o primeiro traballo discográfico deste novo proxecto e que leva por título Muller, enmarcado no ciclo Músicas a carón da Mosqueira de Lugo.

As intérpretes galegas Cristina Pato e Rosa Cedrón, agora Soas, actúan en Lugo o mércores 15 de xuño para presentar o primeiro traballo discográfico deste novo proxecto e que leva por título ‘Muller’. Enmarcado no ciclo Músicas a carón da Mosqueira de Lugo Cultural, o concerto será o mércores ás 20.30 horas na Praza de Santa María, ou no Auditorio Gustavo Freire no caso de choiva.

Nun encontro cos medios de comunicación Rosa Cedrón explicou que Muller é “unha emocionante viaxe pola literatura e música galegas dos séculos XIX, XX e XXI”, entre elas Rosalía de Castro, Yolanda Castaño, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, José Castro “Chané”, Raquel Pato ou Luis Emilio Batallán. Entre as pezas que soarán figuran algunhas tan célebres como María Soliña, Unha noite na eira do trigo ou Heicho de dar.

Na rolda de prensa Rosa Cedrón estivo acompañada polo vicerreitor Pedro Garcia Herradón, o responsable da obra social de Novacaixagalcia en Lugo, Sinesio Perez, e o cuarto tenente alcalde das áreas de Cultura, Deportes, Turismo e Educación, José Manuel Díaz Grandío. Todos eles puxeron en valor a calidade do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do que xa se desenvolveron cinco concertos e que rematará en decembro deste ano.

Soas

No proxecto Soas conflúen as inquedanzas similares de dúas mulleres con formación musical clásica –Cristina ao piano e Rosa co violoncello- e que dedicaron a maior parte da súa carreira profesional á música de identidade galega. Agora pretenden achegar a música clásica a todos os públicos e demostrar que a tradición galega está dotada “dun rexistro tan amplo que permite a incorporación de elementos orquestrais dun xeito natural e homoxéneo”, afirman.

Neste primeiro álbum contan coa colaboración da Bratislava Symphony Orchestra, interpretando os arranxos do recoñecido compositor Octavio Vázquez. Os interludios e o epílogo son inéditos, compostos expresamente por Cristina e Rosa para ‘Muller’.

Rosa Cedrón

Rosa Cedrón estudou violoncello desde os 8 anos. Ingresou na Orquestra de Cámara Municipal de A Coruña e posteriormente na Banda Municipal. Cun expediente brillante accedeu a unha praza como profesora no Conservatorio de Ferrol. Durante nove anos desenvolveu unha ampla labor no grupo Luar na Lubre. Gravou varios discos e recolleu premios de recoñecemento á súa música.

O seu esforzo non pasou inadvertido para Mike Oldfield, que a convidou a participar na gravación do Tubular Bells III e na presentación mundial do disco celebrada en Londres en 1998. En xaneiro de 2005 comunica a súa decisión de emprender o seu camiño en solitario, editando en 2007 o seu primeiro álbum en solitario, ‘Entre dous mares’.

Cristina Pato

Cristina Pato é doctor of Musical Arts pola Mason Gross School of the Arts da Rutgers University (EEUU) onde estudou cunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza. Doutorada con honras, esa escola americana concedeulle a Edna Mason Scholarship e o premio Irene Alm Memorial Prize á excelencia.

Cristina Pato posúe a titulación superior de Piano, de Teoría da Música, Transporte e Acompañamento e de Música de Cámara, todas elas polo Conservatorio Superior de Música do Liceu de Barcelona. Ademais realizou o Máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona especializándose en Composición (música dixital, electroacústica).

Aclamada pola crítica internacional como gaiteira e pianista, Cristina Pato leva unha activa vida profesional que a levou a grandes escenarios de España, EEUU, India, Xerusalén, Portugal, Brasil, Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña ou México. A súa carreira profesional inclúe catro discos no mercado como gaiteira solista e dous como pianista, máis dunha trintena de colaboracións en gravacións doutros artistas e máis de cincocentos concertos.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2011-06-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES