Notas de prensa

11 empresas galegas participan no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA)

Un total de 11 empresas galegas participan nas roldas de negocios do Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA). Agadic apoia esta misión comercial á que acoden 4 grupos de teatro, unha compañía de danza, unha distribuidora de espectáculos, dúas produtoras musicais e tres audiovisuais.

Un total de 11 empresas galegas dos ámbitos escénico, musical e audiovisual participan do 2 ao 5 de xuño no Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA) de Bos Aires, como integrantes da misión comercial internacional que se incorpora ao evento. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo apoia a presenza da delegación galega nas roldas de negocios que diariamente se desenvolverán no marco deste encontro que por primeira vez organiza a Secretaría de Cultura da Nación xunto a outros tres ministerios.

Representantes dos grupos de teatro Ainternacional, Tanxarina, Teatro Ensalle, Teatro Galileo, a distribuidora e produtora cultural La Tía Mardalina, a compañía de danza Pisando Ovos, as produtoras musicais Ouvirmos e Berrogüetto Producciones; así como as audiovisuais TVSiete, Adivina Producciones e Tictac Producciones acudirán coa finalidade de manter encontros coas empresas culturais arxentinas dos mesmos eidos para a presentación de proxectos concretos cara a futuras accións comúns.

Entre as finalidades expresadas polas empresas galegas figuran a procura de socios coprodutores para todo tipo de programas culturais, o establecemento de alianzas estratéxicas para a difusión de produtos culturais galegos por toda Latinoamérica a través das firmas arxentinas como primeiras interlocutoras, o avance en iniciativas de formación conxuntas, a colaboración en tarefas de coedición editorial ou discográfica, ou mesmo a presentación profesional de avances técnicos desenvolvidos en Galicia, como é o caso da tecnoloxía audiovisual IN3D.

A Agadic apoia económica e operativamente a participación galega no MICA, para a que cursou unha convocatoria ás empresas culturais galegas a través das principais asociacións profesionais (Escena Galega, Danesga, Agapi, AGEM, Agaphono, AGE, DAG e EGANET), en seguimento ao convite feito para tal fin polo Goberno da Nación de Arxentina durante a pasada celebración da Feira do Libro de Bos Aires, que tamén contou con participación galega.

Instalado do 2 ao 5 de xuño no edificio Tribuna Plaza da Avenida do Libertador de Bos Aires, o Mercado de Industrias Arxentinas presenta na súa presente primeira edición unha ampla programación profesional e artística, dirixida fundamentalmente aos profesionais do sector cultural, e centrada nas denominadas roldas de negocios, nas que a organización facilita o encontro entre promotores de proxectos afíns ou que poidan ter indicios de compatibilidade.

Neste sentido, a organización do MICA ten deseñada xa unha intensa axenda de encontros bilaterais ou multilaterais entre empresas galegas e arxentinas que puideran ter intereses comúns para iniciativas en curso ou para a xénese de proxectos futuros.

Seis eixos de produción

Promovido pola Secretaría de Cultura de la Nación e os Ministerios de Industria, Relacións Exteriores e Turismo arxentinos, o MICA conta así mesmo con espazos de exposición, obradoiros e outras actividades articuladas a partir dos seis eixos de produción cultural no que se subdivide: audiovisual, artes escénicas, deseño, editorial, música e videoxogos. Inclúe, ademais, diversas charlas e foros de debate, conferencias e espectáculos abertos ao público xeral.

Ao final de cada xornada prográmanse -desde escenarios tanto abertos como pechados- espectáculos en vivo, recitais e concertos, obras de teatro, desfiles e proxeccións audiovisuais para o que se dispón dun espazo duns 13.000 m2.

A celebración do MICA resposta ao auxe do valor estratéxico das industrias culturais arxentinas como bens de consumo de grande valor simbólico e identitario. Segundo cifras do goberno arxentino, estas industrias xeraron en 2009 o 3,5% do PIB (Produto Interior Bruto) do país, máis de 200.000 postos de traballo directos e máis de 330 millóns de dólares anuais en concepto de exportación de bens e servizos culturais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-06-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES