
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou a primeira edición dos Diálogos Literarios do Gaiás, que se celebran ata o venres 3 de mio na Cidade da Cultura de Galicia. No marco destes encontros reuniranse durante tres días na Biblioteca de Galicia autores, críticos e profesores do ámbito galego cun grupo de expertos de ámbito internacional para intercambiar opinións e experiencias sobre o proceso literario. Os primeiros Diálogos Literarios do Gaiás, organizados pola Fundación Carlos Casares, están patrocinados pola Consellería de Cultura e Turismo, a Fundación Cidade da Cultura e contan coa colaboración do Pen Club.
No acto de presentación dos I Diálogos Literarios do Gaiás, o conselleiro de Cultura e Turismo estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg; o director da fundación, Gustavo Garrido, e o presidente do Pen Club, Luis G.Tosar.
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, gabou a figura de Carlos Casares e o seu extraordinario talento para o diálogo ao tempo que destacou que as xornadas que hoxe se inician recollen a herdanza dos Diálogos de Mariñán, un evento que desde 2004 respondeu ao propósito de constituír un foro para o intercambio de experiencias e a comunicación en torno á creación literaria.
Roberto Varela lembrou que, durante toda a súa vida, Carlos Casares cultivou o don da palabra en todas as súas formas, nos seus artigos xornalísticos e na súa obra literaria, que definiu como un conxunto fundamental dentro da literatura galega da segunda metade do século XX. Ao mesmo tempo, o conselleiro de Cultura e Turismo gabou o talento de Carlos Casares para o diálogo, polo que considerou que reunir nun mesmo foro a palabra e a escrita, o diálogo e a literatura, semella a homenaxe máis acaída para enxalzar a súa memoria. Pola mesma razón, destacou que a Biblioteca de Galicia pensada como o centro de referencia do libro e a lectura da nosa terra, é a sede máis axeitada para acoller esta iniciativa.
Roberto Varela asegurou que hoxe ábrese na Cidade da Cultura un foro no que o protagonismo será da palabra, e de ninguén máis ca ela, polo que celebrou a oportunidade que ten a Consellería de Cultura e Turismo de colaborar cos obxectivos que a Fundación Carlos Casares plasmou nos Diálogos Literarios. Entre estes obxectivos, destacou o fondo respecto pola diversidade lingüística e a vocación internacional.
Pola súa banda, o secretario xeral de Politica Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou que "os Diálogos Literarios do Gaiás poñen a lingua e a literatura galegas a dialogar con outras linguas e culturas". "Nese diálogo engadiu a lingua e a literatura galegas amosan a súa altura e potencialidade, demostran que temos moito e bo para dar a coñecer no mundo". Neste sentido, o secretario xeral recordou que "este diálogo de Galicia e de todo o galego sen complexos e en pé de igualdade co que vén de fóra, a proxección universal alicerzada na nosa identidade, foi xa un obxectivo de Galaxia e de Grial, que Carlos Casares asumiu ao integrarse nese proxecto".
Programa
Tras o acto de inauguración, a primeira conferencia dos Diálogos Literarios do Gaiás será a da poeta e narradora catalá Ana María Moix, que falará de O que sei de min e da palabra. Xa pola tarde, será a quenda das escritoras Miren Agur Meabe e Elena Medel que tratarán o tema de Escribir poesía na era de internet.
A xornada do xoves coa conferencia Historia e historias, que correrá a cargo do escritor galego Marcos Calveiro e do portugués Sérgio Luís de Carvalho. Ás 20.00 horas celebrarse a única conferencia pública dos I Diálogos Literarios do Gaiás. Nela, Jorge Edwards falará de Palabra e realidade. Por último, na mañá do venres 3 de xuño Iolanda Zúñiga e Llucía Ramís ofrecerán unha conferencia que leva por título Escribir novela na era de internet.
Tras unha estadía de sete anos no Pazo de Mariñán (Bergondo), os Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares inician unha nova etapa en Santiago de Compostela, tomando como sede a Biblioteca de Galicia, no monte Gaiás, de onde colle a denominación para a segunda época.
Estes diálogos literarios, coordinados por Román Raña, están concibidos como un espazo para o diálogo, para o intercambio de opinións e experiencias ao redor do proceso literario. A súa vocación internacional atende especialmente á diversidade lingüística, sempre nun ambiente de pluralidade, tolerancia e convivencia; valores que adornaban a personalidade do escritor ourensán.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.