Notas de prensa

O programa Camiños de Cultura 2011 prevé case 600 funcións en 163 concellos

O público infantil e familiar será un dos grandes protagonistas da programación Camiños da Cultura 2011 con 322 representacións e concertos especificamente dirixidos aos espectadores máis novos.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo inaugura a edición 2011 do programa Camiños de Cultura, cunha carteleira de 564 funcións escénicas e musicais que se desenvolverá ata finais de setembro nun total de 163 concellos de toda Galicia. A finalidade deste circuíto é garantir a programación estable en espazos públicos dos concellos, favorecendo a ampliación da súa oferta cultural aos meses de verán e atendendo a unha demanda variada canto a tipos de públicos e estilos artísticos.

A carteleira de Camiños de Cultura 2011 abrangue teatro, música, danza, maxia e novo circo a través dos espectáculos dun total de 162 compañías e grupos musicais, todos eles galegos, que foron seleccionados polos propios concellos de entre os 534 que propuxeron os seus espectáculos para esta iniciativa. O público infantil e familiar será, ademais, un dos grandes protagonistas da programación, que conta cun total de 322 funcións especificamente dirixidas aos espectadores máis novos.

Para elaborar esta nova edición do programa cursáronse invitacións a todos os concellos galegos, sen límite mínimo de poboación, que non están asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, tamén promovida pola Agadic. As actuacións darán comezo mañá día 1 nos concellos de Mesía co Mago Vituco (16.00 h), Vila de Cruces cun concerto da Roda (12.00 h), Negreira cun espectáculo de novo circo a cargo de Pablo Trasno (12.00 h) e Carballedo coa montaxe teatral para público infantil As viaxes de torbellino, da compañía Conta e Canta (18.00 h). En total, programaranse 245 funcións de teatro, 119 de maxia, 118 de música, 79 de novo circo e 3 de danza.

Cinco canles de distribución

Camiños de Cultura conta cun orzamento total de 807.924 euros, do que a Axencia Galega das Industrias Culturais achega un 55%, mentres que o resto corresponde aos concellos participantes. A Agadic, que asume este ano a xestión do circuíto como resultado da reestruturación competencial interna emprendida pola Consellería de Cultura e Turismo, incorpora deste xeito una nova canle de distribución de espectáculos escénicos e musicais que, xunto coa programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo, configuran a carteleira de exhibición máis extensa de toda Galicia. Ademais, este 2011 engádese un novo ciclo estival de concertos que, baixo o título Galicia é Música, insírese no programa de actividades do Ano da Música de Galicia, deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo, co obxectivo de impulsar a descentralización da oferta de música ao vivo na nosa Comunidade.

A axenda completa de funcións e concertos de Camiños de Cultura 2011 estará dispoñible proximamente a través da web www.agadic.info.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES