Notas de prensa

O IES de Porto do Son acolle a entrega do XII Premio Leixaprén e o Encontro do Audiovisual Escolar Galego

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén entregará o 27 de maio, no marco da celebración do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, o XII Premio Leixaprén a Manuel González en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste ámbito.

Durante a xornada, uns 200 alumnos e 40 docentes de 18 centros escolares de toda Galicia mostrarán os seus traballos audiovisuais e asistirán a aulas de cine impartidas por prestixiosos especialistas do audiovisual galego como o director Luís Avilés, a produtora Mara González ou o guionista Daniel Domínguez.

O venres 27 de maio terán lugar na Casa de Cultura e no IES de Porto do Son a entrega do XII Premio Leixaprén e o Encontro do Audiovisual Escolar Galego, eventos organizados polos Equipos da Biblioteca, Normalización Lingüística e SonCine e os Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica do instituto e que contan coa colaboración da Alcaldía e a Concellaría de Cultura do Concello de Porto do Son.

Durante a sesión da mañá, a Casa de Cultura converterase nun espazo de encontro de alumnos e docentes de 18 centros educativos galegos que desenvolven na actualidade proxectos audiovisuais. Ademais da presentación e proxección destes traballos, ao final da mañá farase entrega do XII Premio Leixaprén que outorga a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén, formada por centros de ensino secundario das comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Este galardón, que se entrega dende o ano 2000 a persoas, colectivos, empresas ou institucións en recoñecemento ao labor que realizan na promoción e defensa da lingua galega, recaeu na presente edición en Manuel González Álvarez polo seu traballo na promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste campo. Ademais, este premio quere simbolizar o traballo colectivo de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar, campos nos que o idioma galego ten unha presenza importante.

Na súa dilatada traxectoria, Manuel González foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI) e coordinador do programa “A imaxe na escola”. Ademais do seu labor no eido da investigación, no que destaca no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración, dende os primeiros 90 até a actualidade traballou na produción, guionización e realización de diversos programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

Xa durante a xornada da tarde, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego trasladarase ás instalacións do instituto, que acollerá as “aulas de cine” impartidas por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito audiovisual como Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e a empresa desescribir, sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web. Por outra banda, os docentes dos diferentes centros participarán nun foro co obxectivo de reflexionar sobre a necesidade de desenvolver un espazo de intercambio do audiovisual escolar para compartir traballos e experiencias e desenvolver a formación e creación audiovisual do alumnado ante a ausencia dunha política de promoción da educación audiovisual por parte da administración autonómica.

A celebración deste Encontro responde á necesidade de visibilizar publicamente na sociedade a cantidade e calidade de traballos que se están realizando nos centros de ensino. Unha mostra non exhaustiva nin sistemática pode verse na páxina http://www.netvibes.com/encontro-do-audiovisual-escolar-galego, que recolle centos de vídeos escolares.

Román Cerqueiro Landín (Coordinador do Equipo de Normalización Lingüística-IES de Porto do Son), 2011-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES