Notas de prensa

Agadic convoca axudas ás industrias culturais galegas por máis dun millón de euros

A Agadic convoca as axudas ás industrias culturais 2011 por un importe total de 1.370.000 euros para seis modalidades. Incorpórase un apartado para salas de música ao vivo, mentres que o apoio ás compañías residentes e ao asociacionismo profesional materialízase mediante convenios.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo publicou o martes 24 de maio a súa convocatoria de subvencións ás industrias culturais galegas para 2011, á que destina un importe global máximo de 1.370.000 euros que serán distribuídos entre seis modalidades de apoio ao sector: actividade escénica, programa Crédito-Cultura, promoción e difusión de traballos discográficos, distribución, programación das salas privadas de exhibición escénica e mellora técnica de estudios de gravación e salas de música ao vivo.

En canto ao apoio público ás compañías escénicas residentes e ao asociacionismo profesional, que nas anteriores convocatorias figuraban como parte das categorías obxecto de subvención, en 2011 pasará a materializarse directamente a través dos convenios de colaboración que a Agadic asinará coas tres compañías residentes galegas (Chévere en Santiago de Compostela, Sarabela Teatro en Ourense e Teatro do Morcego en Narón), así como coas principais asociacións profesionais do sector cultural. O obxectivo en ambos casos é atender ás especificidades e necesidades propias dos solicitantes no conxunto das industrias culturais galegas.

Nova produción

O 62 por cento da contía total (850.000 euros) resérvase para as axudas á nova produción escénica e á continuidade da actividade no caso dos espectáculos que contaron con subvención á produción en 2010. Nesta modalidade A mantense o criterio clasificador introducido na convocatoria do ano pasado e que vén fixado en función do tamaño dos espectáculos no canto de polo xénero escénico (teatro, danza, maxia). Así, as seis subcategorías inscritas neste apartado refírense a empresas de nova creación, á produción de espectáculos de pequeno formato, de mediano formato e de gran formato, á produción de espectáculos de novas tendencias, contemporáneos ou de autor e á continuidade da actividade.

A modalidade B destina 10.000 euros ao programa Crédito-Cultura, a través do que a Agadic promove o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario cara á produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural. No caso concreto da produción e promoción dos traballos discográficos, a contía máxima do apoio cífrase en 80.000 euros, orzamento a través do que se mantén o apoio institucional á industria discográfica galega, con especial atención a aqueles proxectos que aposten pola adaptación tecnolóxica ao novo escenario dixital.

Proxección exterior

Canto ao resto do orzamento, un total de 300.000 euros resérvase para as axudas á distribución (mod. D) a través das que se apoiará a distribución exterior de espectáculos escénicos e musicais, a asistencia a feiras e mercados dos diferentes ámbitos culturais e a contratación exterior de montaxes galegas no marco da Feira Galega das Artes Escénicas. A partida para as salas de teatro e artes escénicas privadas (mod. E) será de 80.000 euros, mentres que outros 50.000 euros corresponden á modalidade F, na que xunto cos estudios de gravación, as salas adscritas á Rede Galega de Musica ao Vivo poderán optar por vez primeira a estas axudas co obxectivo de impulsar a súa modernización tecnolóxica e, en consecuencia, a mellora das condicións nas que se desenvolven as actuacións en directo.

Segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o período de presentación de solicitudes esténdese ata o 24 do próximo mes de xuño, agás nos casos especificados para as modalidades B e D. A documentación recibida na forma e prazo establecidos será avaliada por dúas comisións: unha para axudas á actividade escénica e ás salas privadas de exhibición e outra para as de produción e promoción de traballos discográficos e para as de mellora técnica de estudios de gravación e salas de música ao vivo. No resto dos casos, a concesión é automática unha vez certificado que o solicitante reúne todos os requirimentos esixidos.

MODALIDADES E DOTACIÓNS DAS AXUDAS ÁS INDUSTRIAS CULTURAIS 2011
(DOG nº 99 de 24 de maio)


A. Subvencións á actividade escénica: 850.000 €

A.1. Subvencións a empresas de nova creación
A.2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato
A.3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato
A.4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato
A.5. Subvencións á produción de espectáculos de novas tendencias, contemporáneos
ou de autor
A.6. Subvencións á continuidade a compañías subvencionadas en 2011 nas modalidades A.1, A.2, A.3, A.4 e A.5

B. Programa Crédito-Cultura: 10.000 €

C. Subvencións á produción e promoción de traballos discográficos: 80.000 €

D. Subvencións á distribución: 300.000 €

D.1. Subvencións á distribución exterior
D.2. Subvencións para a asistencia a feiras e outras plataformas de distribución
D.3. Subvencións á distribución de espectáculos en feira

E. Subvencións a salas de teatro e artes escénicas de titularidade privada: 80.000 €

F. Subvencións á mellora técnica de estudios de gravación e de salas de música ao vivo: 50.000 euros

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES