Notas de prensa

O CGAC presenta unha reflexión sobre o medio televisivo e o artista

O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) presenta a mostra Estades preparados para a televisión?, na que propón unha reflexión sobre o medio e o artista e ofrece fragmentos de programas únicos, transgresores e con pegada.

O secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa, presentou en rolda de prensa a exposición Estades preparados para a televisión?, que estará aberta ao público ata o 18 de setembro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Este proxecto expositivo, comisariado por Chus Martínez, é froito da colaboración entre o Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA) e o CGAC.

Á presentación tamén asistiron o director do CGAC, Miguel von Hafe, e a conservadora de exposicións temporais do MACBA, Soledad Gutiérrez. A mostra Estades preparados para a televisión?, que se reparte entre o hall, dobre espazo, baixo e primeiro andar do museo, busca explicar que é o que fai posible a televisión, que relevancia adquire a produción artística na televisión e que implica pórlle cara á filosofía.

O proxecto expositivo está dividido en dez capítulos separados por temáticas. En cada un destes apartados proxéctanse vídeos e fragmentos de programas de televisión que axudan a repensar este medio de comunicación. Estades preparados para a televisión? está formada por máis dun centro de traballos de artistas e filósofos que reescriben o medio e crean correspondencias inesperadas entre texto e imaxe. O resultado son realidades novidosas e, en ocasións, nunca vistas pola televisión.

Na súa intervención, o secretario xeral da consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernández-Campa, destacou que esta mostra ofrece unha visión “que nos permite tomar distancia respecto á idea da televisión, tal e como hoxe a concibimos, e aproximarnos a novas interpretacións”. Fernández Campa tamén subliñou o feito de que a televisión se presente dentro dun museo e avanzou que en Estades preparados para a televisión? pódense ver fragmentos de “programas únicos, transgresores e que deixaron pegada”.

A mostra supón un completo ensaio sobre a intersección de mundos que viven separados, os artistas e o medio, que se estudan mutuamente para entender qué é o que fai posible a televisión. No CGAC pódense ver máis dun cento de pezas de artistas como Richard Serra, David Hall, Joseph Beuys, Bill Viola, Harun Farocki, Albert Serra, Christian Jankowski ou Johan Grimonpez, que recollen así mesmo testemuños de figuras referenciais como Pasolini, John Berger, Guy Debord, Pierre Bourdieu, Michel Foucault ou Jacques Lacan.

Dez capítulos

Os dez capítulos nos que se estrutura a mostra permiten explorar a relación entre imaxe e acto crítico. Cada un destes apartados propón ao visitante a historia da contestación dunha linguaxe a outra: da arte á televisión, da televisión ao pensamento, nos dous sentidos.

O primeiro capítulo do proxecto expositivo leva por título O bromista insaciable ten como punto de partida o concepto de axuste secundario, acuñado polo sociólogo norteamericano Erving Goffman. Este termo serve para definir as pequenas transgresións que pode levar a cabo un individuo dentro dun ambiente ríxido. As pezas de televisión incluídas neste capítulo inclúen este recurso, empregado por moitos artistas e pensadores para establecer un marco que lles permita verse a si mesmos na televisión.

A segunda parada da exposición denominase A televisión como reino e o reino da televisión e nela incorpóranse aqueles programas que interpretan a televisión como unha forma moderna de soberanía. A mostra continúa no seu terceiro capítulo afondando no concepto do Dead air: ese indesexable silencio, a situación que se produce cando un fallo técnico interrompe a emisión televisiva. Os programas que se proxectan nesta parte exploran os efectos desta incidencia, que desvela ao espectador cousas das que non é consciente, como a situación das cámaras ou a construción do escenario.

O cuarto capítulo da mostra titúlase Televisión site-specific en el recóllense obras de arte que foron pensadas especificamente para televisión. A quinta parte da exposición, chamada On Tv: o espírito da mimese, explora a imitación como recurso para crear outros mundos. Os programas que se inclúen neste capítulo parten da premisa de que para facer algo distinto á televisión hai que tentar ser primeiro televisión. No sexto capítulo abordase a presenza da política na televisión, mentres que no sétimo, chamado O impacto do novo amósase como a cultura, tanto a clásica como a contemporánea, forma parte da televisión desde os seus comezos.

Os programas que se presentan ao espectador na oitava parte da mostra, denominada Unha tribuna por ocupar, resulta útiles para entender a tensión que se establece sempre entre obra e espectador, entre o propio medio de comunicación e a audiencia. Abordase tamén a aparición da figura dos filósofos e da propia filosofía na televisión. O matrimonio grecolatino: versión de grande alcance é o título do noveno capítulo da exposición e nel explorase o papel que xogou a televisión no proceso de mundialización, debido á sensación do inmediato que proporciona ao espectador, que sinte que está onde ocorre a noticia.

Por último, a décima parte da mostra que desde hoxe acolle o CGAC leva por nome What’s my line? (Quen son?). O título este capítulo está tomado dun programa norteamericano dos anos cincuenta no que un xurado de personalidades do mundo da moda e do periodismo debía adiviñar, cos ollos vendados, a profesión das personaxes invitadas. Esta parte de Estades preparados para a televisión? amosa como a televisión xera identidade mediática e como o espectador identifica como alguén coñecido á personaxe que aparece na pantalla, xa que, doutro xeito, non estaría alí.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2011-05-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES