A Consellería de Cultura e Turismo promove no Museo de Viladonga unha exposición titulada Castros lucenses: investigación e posta en valor, que exhibe por primeira vez lousas decoradas con diferentes gravados que foron utilizadas hai vinte séculos en elementos construtivos do Castro de Formigueiros (Samos). A mostra estará aberta ata o mes de setembro.
De entre todas as lousas que permanecerán expostas cabe destacar o achado dunha peza que ten gravado un labirinto de once circuítos, o que a converte nun vestixio de gran valor porque é a primeira vez que aparece este motivo pictórico nun contexto tan antigo, datado no século I.
Segundo sinalan os técnicos do Departamento Territorial de Cultura e Turismo, responsables da realización desta mostra xunto co propio Museo de Viladonga, son moi escasos en Europa os casos documentados de labirintos con 11 circunvalacións anteriores aos séculos XI e XII, e ningún é tan antigo como este.
O conxunto está formado por seis pezas. Tres delas son de gran tamaño e a súa disposición, no pavimento do castro, permiten barallar a posibilidade de que formaran parte dun espazo público, como unha praza. Presentan debuxos gravados de peixes e cabalos. A lousa máis grande mide aproximadamente 1,40 metros de longo por 0,50 metros de ancho. Completan a colección tres lousas máis pequenas aparecidas entre os restos das casas do castro, entre as que se conta a peza do labirinto.
A mostra está conformada ademais con paneis fotográficos que permiten apreciar as actuacións realizadas en castros da provincia de Lugo na última década. Así, están representados na exposición o propio Castro de Viladonga, o de Formigueiros, A Coroa de Moreira (A Fonsagrada), o Castro de Ourela (Palas de Rei), o das Grobas (Ribadeo), A Atalaia (Cervo), Saa (A Pastoriza), Fazouro (Foz), Santa María (Cervantes), Zoñán (Mondoñedo), Castromaior (Portomarín), e os castros de Vilar e da Torre (O Courel).
Esta exposición pretende ser unha invitación a visitar e coñecer a cultura castrexa de Lugo, a través dunha serie de emprazamentos que practicamente abranguen toda a provincia. A mostra poderá visitarse en horario de 10.00 a 20.00 horas (en maio e xuño) e de 10.00 a 21.00 (en xullo e agosto).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.