Notas de prensa

Redrum Producciones estrea a comedia musical Moito Conto

Dirixida ao público familiar, a comedia musical Moito Conto está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, e baséase no conto Hansel e Gretel.

O Salón Teatro de Santiago acolle o 14 e 15 de maio a estrea de Moito Conto, a última proposta escénica para público familiar de Redrum Producciones, na que o cineasta lalinense Ãlex Sampayo dirixe un texto propio escrito en colaboración con Guillermo Carbajo e Tamara Canosa a partir do popular Hansel e Gretel dos irmáns Grimm. O escenario do Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá dúas funcións desta comedia musical recomendada para maiores de 6 anos, que terán lugar o sábado 14 e o domingo 15 ás 18:00 horas.

A compañía compostelá, que realizou unha residencia de varios días previos á estrea na nave de servizos técnicos da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), persegue a través do seu espectáculo a concienciación medioambiental. O método empregado é a reformulación de contos tradicionais coñecidos por todos, co obxectivo de estimular a creatividade dos máis pequenos e chegar aos recordos dos maiores, convidándoos a ser nenos de novo, conxugar diferentes mensaxes e romper os prexuízos preconcibidos. Ao tempo, contribúen á idea central da montaxe os textos das cancións e a utilización escenográfica de materiais reciclados.

A interpretación corre a cargo de Mónica García, no papel da malvada madrasta e da manipuladora froiteira; Guillermo Carbajo como Pepiño, un Peter Pan diferente, obsesionado por crecer e converterse nun adulto; e Tamara Canosa como Manola, a irmá de Pepiño, unha rapaza inqueda e impulsiva. Para a posta en escena desta peza, a propia compañía fíxose cargo do deseño da escenografía, Manuel Riveiro asumiu o espazo sonoro e Carlos Ãlvarez-Ossorio, a iluminación.

Cambiar defectos por virtudes

Tomando como pretexto o famoso conto dos irmáns Grimm Hansel e Gretel, a peza amosa as aventuras de Pepiño e Manola, dous rapaces que, enganados pola súa madrasta, acabarán perdidos no bosque e vivirán unha aventura que os cambiará para sempre: os nenos terán nas súas mans o destino dos contos e dos soños e terán que salvalo convertendo o que consideraban defectos en virtudes.

Como ensinanza desta historia afloran valores tales como a autoestima e a aceptación da nosa identidade, as relacións de complicidade fraternal, a importancia de aprender a escoitar e a pensar antes de actuar ou o valor do traballo en equipo.

Un 100% ecolóxico

Moito Conto posúe unha filosofía medioambiental que, presente en todo o proceso de produción, levou á compañía a cualificar o espectáculo como “100% ecolóxico”. O principal obxectivo é educar e sensibilizar sobre a importancia da reciclaxe e da reutilización, a separación do lixo, o respecto ao ambiente, o uso responsable da auga e da enerxía e a adopción de estilos de vida saudables e pautas de comportamento respectuosos co contorno natural.

Esta mensaxe ecolóxica non só está implícita no texto e nas cancións da obra, senón que tamén é visible na escenografía e no atrezzo, construídos con materiais completamente reciclados ou reciclables, así como no uso de iluminación LED para conseguir un maior aforro enerxético e reducir o impacto ambiental. Con esta fórmula, a compañía compostelá pretende iniciar un novo camiño na concepción das postas en escena, a través dunha alternativa pioneira, viable, ecolóxica, eficiente e estética.

Formación audiovisual

Redrum Producciones é unha compañía creada en 2009 por mozos e mozas procedentes de diversos campos do sector audiovisual, que naceu coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Entre as súas máximas destaca a posta en escena de espectáculos dirixidos directamente ao público, primando a claridade nas historias pero sen esquecer un coidado concepto artístico. A súa primeira montaxe foi A Pensión, con Ãlex Sampayo como director escénico debutante e protagonizada pola actriz Rosa Ãlvarez.

As entradas para as dúas funcións de Moito Conto poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 16:00 horas. Xa está dispoñible ademais a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun descontó do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de cinco euros para o domingo, día do espectador.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-05-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES