Notas de prensa

O mimo Thomas Leabhart imparte dous cursos en Santiago de Compostela

A iniciativa insírese no plano de formación continua do Centro Dramático Galego e está organizada en colaboración coa USC. O discípulo do fundador da pantomima moderna afonda no método Decroux, das representacións actuais simbólicas, abstractas ou surrealistas.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro Dramático Galego (CDG) organizan dous cursos de perfeccionamento de mimo impartidos por Thomas Leabhart, discípulo directo do fundador da mímica moderna, Etienne Decroux. Esta actividade docente, que se enmarca dentro do programa de formación continua para actores e actrices impulsado pola compañía pública, ten como finalidade proporcionar unha ampla introdución ao método Decroux mediante dous talleres intensivos sobre as bases fundacionais do mimo moderno.

Un total de 25 alumnos, na súa maioría profesionais da escena galega, asistirán a estas clases, que supoñen a posibilidade de coñecer e traballar na aplicación ao movemento físico os principios existentes no corazón do drama: pausa, vacilación, peso, resistencia e sorpresa.

Dividido en dúas fases de 35 horas cada unha, a primeira, de introdución xeral ao método Decroux, desenvolverase do luns 25 ao venres 29 de abril; e o segunda, dedicada á técnica de contrapesos, celebrarase do luns 2 ao venres 6 de maio. O curso completo desenvolverase no Salón de Actos da Escola Municipal de Música e de Danza de Santiago de Compostela, ubicada no barrio da Almáciga, de 9.00 a 17.00 horas.

Para a súa posta en marcha, contouse así mesmo coa colaboración do Concello de Santiago na cesión do espazo para o desenvolvemento desta iniciativa, e da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), na difusión da convocatoria entre o colectivo profesional galego.

Afastarse da imitación realista

Retomando as técnicas da antiga pantomima baseada na imitación de anécdotas da vida cotiá, Etienne Decroux analizou a linguaxe corporal ata atopar elementos básicos, carentes de significado inmediato. A combinación destes elementos forman cadeas de movementos significantes que permiten o actor afastarse da imitación realista, e ofrécenlle as ferramentas para a elaboración de espectáculos de mimo máis simbólicos, surrealistas ou abstractos.

Thomas Leabhart foi alumno de Etienne Decroux entre 1968 e 1972. Alternando a docencia cos seus propios espectáculos de mimo, é un dos últimos discípulos directos de Decroux (tamén o foron Jean Louis Barrault e Marcel Marceau) que segue a ensinar o seu método orixinal. Catedrático da Universidade Pomona College (Estados Unidos), Leabhart é tamén un teórico e historiador do mimo e da pantomima, autor de numerosos artigos sobre o mimo contemporáneo e as súas mutacións no teatro actual. Isto permítelle situar e explicar o seu ensino desde a perspectiva histórica do teatro contemporáneo. Ten impartido cursos en Estados Unidos, Francia, Xapón, India, etc.

Performances de alumnos

Ao longo do curso desenvolverase un traballo diario cos elementos básicos do mimo corporal. Así, dividindo o corpo nas máis pequenas articulacións, traballarase elaborando cadeas de xestos semellantes a escalas musicais. As escalas e os movementos segmentados realizaranse nun plano lateral, cara a diante, e cara a detrás, en rotación e combinando dous ou tres planos. Movendo o corpo no espazo, a partir destas escalas básicas, elaboraranse configuracións cada vez máis complexas, baixo a forma de movementos inter-corporais (figuras de estilo, ondulacións, compensacións, re-equilibrios…) e de movementos no espazo (andar, contrapeso, etc).

Ademais de familiarizarse cos elementos básicos da improvisación do mimo corporal como escoitar o compañeiro dunha escena, a utilización dos accesorios ou as asimetrías interiores , os estudantes-actores aprenderán formas de ocupar dun xeito claro o espazo teatral, como pode ser o atopar o movemento mediante a inmobilidade e a palabra por medio da escoita.

Tamén está prevista a impartición teórica de elementos básicos da historia do mimo e da pantomima e, finalmente, cada alumno creará unha pequena performance de tres minutos de duración que se representará no último día do curso.

Fotografía: http://research.pomona.edu/thomas-leabhart/

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES