
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a editorial Dos Acordes acaban de publicar o segundo volume da colección Pel & Madeira, destinada á difusión e aprendizaxe do repertorio básico da música popular galega. Este segundo número ofrece as partituras de 30 novas pezas, arranxadas para cuarteto tradicional e acompañadas de dous CD de audio coa gravación dos temas e dun CD de datos coas particellas individuais de cada instrumento (dúas gaitas, tambor e bombo).
Esta recompilación inclúe pezas tan coñecidas como Muiñeira de Lugo, Carballesa de Melide, Heiche de dar, queridiña, Ribeirá e Farruquiña, chaman á porta, ofrecendo un amplo percorrido polos distintos ritmos da tradición musical galega, como a foliada, a mazurca, a muiñeira, a marcha procesional, o pasodobre, a polca e a xota, entre outros.
O novo volume foi presentado en Santiago polo director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero; o director de Dos Acordes, Javier Jurado; e os directores artísticos do proxecto, o gaiteiro Xesús Vaamonde e o percusionista Xosé Lois Romero, autores así mesmo dos arranxos das pezas que eles mesmos interpretan nestas gravacións. Ambos os músicos protagonizarán, ademais, o concerto de presentación do libro que se celebrará mañá xoves 31, ás 20.30 horas, no Auditorio David Russel do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. No evento, de entrada libre ata completar o aforamento, tamén participarán Juan Carlos F. Fasero e Javier Jurado, xunto coa directora do conservatorio vigués, Isabel Figueroa, e a xefa do Departamento de Gaita, Charo Guerrero.
Escoita personalizada
A colección botou a andar en 2008 cunha clara finalidade didáctica, achegando un novo enfoque ao estudo dos instrumentos tradicionais. Neste sentido, a incorporación das gravacións de todos os temas permite, a través da selección independente dos canais do reprodutor estéreo, escoitar separadamente cada un dos catro instrumentos. Ademais, virando o selector de balance cara á canle dereita ou esquerda, o oínte poderá anular a escoita dun dos instrumentos e substituílo pola súa propia interpretación ao vivo como parte deste cuarteto virtual. Deste segundo volume publícase unha versión ampliada que, xunto co libro de partitura xeral para cuarteto en Re, dous CD de audio e o CD-Rom cos pdf das partes instrumentais en Dó e Re, ofrece catro caderniños coas partes instrumentais por separado: gaitas I e II en Re, tambor e bombo.
Coa edición de Pel & Madeira, cuxo título fai referencia aos materiais cos que están construídos a maioría dos instrumentos da nosa tradición musical, a Agadic e Dos Acordes buscan crear un fondo documental que compile o repertorio máis común da música popular galega e, sobre todo, producir material que incentive o desenvolvemento técnico e estético dos instrumentistas.
Con este obxectivo, a selección de temas abrangue todos os niveis de dificultade, dende o de iniciación até o de perfeccionamento, tendo en conta a característica fundamental da cultura tradicional que condiciona este traballo: a permanente mudanza, adaptación e transformación que sofre día a día. Neste sentido, e tal e como sinalan Vaamonde e Romero no limiar da obra, as partituras que aquí se presentan son unha das versións existentes para cada tema, intentando en cada caso reproducir as consideradas orixinais ou as documentadas como primarias.
Software de apoio
Co obxectivo de achegar ferramentas útiles para o oínte/intérprete e atendendo ás opinións recibidas trala edición do primeiro volume, reeditado en 2010 despois de esgotar rapidamente a súa tiraxe inicial, os autores do proxecto están a traballar na futura incorporación dun software que permita ao usuario mudar o tempo e a tonalidade dos audios para adecualos ao seu nivel formativo ou a unha determinada tonalidade.
En próximas entregas, a colección abrirase a outros instrumentos tradicionais (zanfona, requinta, trompa, tarrañolas, pandeira, pandeireta, etc.), ofrecendo distintas combinacións en formato de dúo. Porén, para os dous primeiros volumes elixiuse a formación de cuarteto tradicional integrado por dúas gaitas, tambor e bombo, por ser a agrupación musical galega máis popular, a que abrangue un maior espectro tímbrico, a máis versátil e a que posúe un maior abano de recursos musicais: melódico, harmónico, rítmico e dinámico.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.