Notas de prensa

Berrobambán presenta no Salón Teatro de Compostela a obra Pressing Catch, dirixida por Quico Cadaval

O Salón Teatro de Santiago acolle dúas funcións de Pressing Catch, o último espectáculo da compostelá Berrobambán, que se vale desta técnica de loita libre para reflexionar sobre as formas de violencia, sen deixar de lado o sentido do humor e a ironía.

Realizada baixo a dirección escénica de Quico Cadaval e a partir dun texto asinado por Paula Carballeira, a montaxe poderá verse o venres 1 e o sábado 2 de abril ás 20.30 horas.

En plena era do medo, da violencia como espectáculo, Berrobambán afonda no que nos impulsa a querer contemplala, desde o circo romano ata o formato televisivo do wrestling. Pero os seus loitadores son xente da vida cotiá coa que calquera pode sentirse identificado. A compañía galega fai teatro do espectáculo do «pressing catch», tomando algunhas das súas convencións como os epítetos dos loitadores, a acrobacia, ou a música que os acompaña, aínda que introducindo variantes coma o coidado dos diálogos, a presenza feminina e, sobre todo, a descontextualización da loita.

Paula Carballeira, Anabell Gago, Chiqui Pereira e Hugo Torres interpretan esta proposta, na que a loita que se realiza nos cuadriláteros, seguindo unhas normas determinadas, ocupa un espazo de ficción: o teatro. Á vez, ten un paralelismo coa realidade, cos loitadores e loitadoras anónimos que realizamos actos de violencia cada día sen reparar neles.

Público adulto

Berrobambán cambia o seu público habitual, o infantil, e enfrontase á audiencia adulta por terceira vez, tras NdC (2000) e Vendetta (2004), obras que incluían ao espectador como interlocutor dos personaxes. Esta preocupación por que o público forme parte da historia que se está a contar permanece nesta proposta, ao igual que a coreografía do movemento escénico e a estética do desencanto para facer reaccionar a quen asiste á representación.

En Pressing Catch un DJ introduce os personaxes moi próximos, que viven e empregan a violencia de formas distintas: Lola, unha muller de armas tomar que usa a violencia como sistema defensivo; Hellmaster, avogado de éxito profesional, pero cunha vida familiar que non é quen de xestionar; e A Chorona, experta na chantaxe emocional e no vitimismo. Todos eles son controlados por un árbitro que non quería selo, un eterno perdedor nun mundo de gañadores encargado de pór orde no caos.

O propio espectáculo que dá título á obra é el mesmo unha alegoría da sociedade contemporánea, un ring onde homes e mulleres adoptan unha violencia de maior ou menor intensidade, baixo a ollada reguladora dun árbitro que a duras penas acepta o seu papel de observador e vixía neutral. El é o responsable da orde porque mesmo a violencia debe someterse á súa esixencia reguladora.

Proxecto multidisciplinar

Pressing Catch é un proxecto multidisciplinar que abrangue a produción musical, editorial, multimedia e audiovisual. O espectáculo, ademais de actuacións musicais en directo, achega pequenas curtametraxes realizadas por Carlos Alberto Alonso, que contan a vida dos protagonistas cando están fóra do ring. Estas pezas audiovisuais presentan «cameos» estelares, intervencións de actores e actrices que colaboraron desinteresadamente e que o público poderá recoñecer. Ao traballo de Alonso nos vídeos, súmase o de Soyuz na música, Pablo Pastor na escenografía, Fidel Vázquez na iluminación e Cloti Vaello no vestiario. David Loira encargouse da coreografía e Ramón Bermejo, do adestramento vocal.

O texto dramático de Carballeira foi publicado por Edicións Positivas e estase a editar tamén o CD Pressing Catch. 12 cancións dende o ring, resultado dun certame de temas en galego en que participaron dúas ducias de agrupacións. A obra xestouse no curso de escrita teatral organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) Pistas para unha dramaturxia da actualidade.

As entradas para as funcións de Pressing Catch do venres 1 e do sábado 2 xa están dispoñibles a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 18:30 horas. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-03-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES