Notas de prensa

I Xornadas: De Rosalía de Castro a nós, no 125º aniversario do seu nacemento

Galiza Nova organiza as I Xornadas: De Rosalía de Castro a nós para "contribuir a frear os retrocesos contra as conquistas das mulleres". A organización xuvenil do BNG critica á Xunta polo que entende unha "desatención" da Xunta.

Galiza Nova vén de poñer en marcha as I Xornadas de Rosalía de Castro a nós, co obxectivo de “profundizar na vida e obra da autora fundacional galega e analizar os cambios impulsados polas mulleres na Galiza, dende os tempos de Rosalía”.

Durante 5 días, a Asemblea de Mulleres das mocidades nacionalistas pretende continuar a celebración do día 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, con estas actividades que se celebrarán na capital de Galiza o 17, 18, 31 de marzo e o 1 e 2 de abril.

Un dos aspectos centrais desta actividade, en palabras de Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova “é difundir entre a xente moza a obra e o pensamento de Rosalía de Castro, de clara actualidade para combater a discriminación que aínda soportamos as mulleres”. Para Aboi vivimos un momento no que “é a propia Xunta de Galiza a que abandeira os retrocesos nas políticas de igualdade mesmo impulsando lexislación, como o anteproxecto de Lei da Familia, claramente machista e antagónica cos dereitos das mulleres”.

Dende as mocidades nacionalistas apuntan que o encontro tamén pretende analizar de xeito especial “como está a afectar o actual contexto de crise económica ás mulleres galegas”. Segundo Aboi “poñerémoslle rostro á crise contando coa experiencia das mariscadoras, das labregas, das asalariadas” e engade que tamén serán “un espazo para a proposta de alternativas, nomeadamente a nivel laboral, que camiñen cara a igualdade real”.

A Xunta non apoia a conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Rosalía

Por parte de Galiza Nova sinalan que estas xornadas son “imprescindíbeis” neste momento e lamentan que “a Xunta de Galiza se desentendese das súas obrigas e non fixese o que era de xustiza durante o ano 2010 para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro”. A secretaria xeral de Galiza Nova vai máis alá na súa critica e tamén considera “inxustificable o desinterese da universidade de Santiago de Compostela por impulsar actividades académicas propias que formen as mozas e mozos universitarios nestes temas e nomeadamente na figura de Rosalía tendo en conta que moitas/os serán docentes en lingua, literatura, historia ou economía”.

Programa das xornadas

Galiza Nova contará con figuras moi significadas nestas xornadas: a profesora Kathleen March, da universidade de Maine; Celia Armas, Mª Pilar G Negro ou Diego Pardo, da Universidade da Coruña; Aurora Marco e Luísa Muñoz, da USC; Luísa González ,do Observatorio da Mariña pola Igualdade, ou Elvira Patiño da CIG.

Así mesmo, presentarase o novo libro de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro, Estranxeira na súa patria, e o da Fundación Galiza Sempre sobre 22 documentos do Feminismo Galego con Carme Adán e Xabier Macías, ademais de contar cunha exposición, proxeccións e un Roteiro Rosaliano para remate das xornadas. A inscrición é gratuíta e todas as sesións ,agás a do día 2, serán no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal en Santiago de Compostela.

Gabinete de Comunicación de Galiza Nova, 2011-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES