Notas de prensa

O CCG arranca nova etapa formativa coas master class da ferrolá Paula de Castro

A profesora ferrolá Paula de Castro, primeira bailarina do Ballet da Ópera de Niza, imparte as master class de danza clásica os días 3, 4 e 5 de xaneiro na sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña.

A profesora ferrolá Paula de Castro, primeira bailarina do Ballet da Ópera de Niza dende 2004, impartirá tres master class de danza clásica na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña, coas que dará comezo o programa formativo da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para 2011. Tras estas clases, que se desenvolverán do 3 ao 5 de xaneiro en horario de 9.30 a 11.00 horas, o plan docente para o primeiro cuadrimestre do ano continuará con diferentes obradoiros sobre expresión corporal, ensinanza da danza contemporánea e técnicas Limón-Release, Vaganova e Graham, entre outras temáticas.

Nestes momentos permanece aberto o prazo de inscrición para as clases maxistrais de Paula de Castro, segundo as especificacións que se detallan na páxina web do Centro Coreográfico Galego: www.centrocoreografico.org. O prezo da matrícula é de 15 euros para cada unha das xornadas e de 40 euros para as tres sesións, establecéndose un límite de 20 prazas.

A seguinte das citas formativas terá lugar do 23 ao 27 de xaneiro, da man de Marta Schinca, catedrática emérita de Técnica e Expresión do Movemento na Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. Pioneira da ensinanza e da investigación no ámbito da expresión corporal en España, Schinca é a creadora dun método pedagóxico propio baseado na rítmica de Dalcroze e no sistema Laban.

Ensinanza-aprendizaxe

Xa en febreiro, o día 5 Alicia Gómez Linares, bailarina e profesora de movemento escénico e danza no centro Artebi (Escola de Música, Artes Escénicas e Visuais) de Bilbao, visitará a sede do Centro Coreográfico para impartir o obradoiro titulado Cara a procesos de ensinanza-aprendizaxe da danza contemporánea centrados no alumnado.

Tamén durante o primeiro cuadrimestre do ano, o CCG organizará tres obradoiros sobre outros tantos métodos coreográficos –Vaganova, a cargo de África Hernández e Mirco Fila, técnica Limón-Release e danza Graham–, ademais de ofrecer un taller co bailarín e coreógrafo Toni Aparisi e de iniciar un novo ciclo de master class con profesores das principais escolas de danza de Galicia.

Un total de 567 asistentes

A unidade de danza da Agadic continúa así a liña formativa desenvolvida en 2010 cun programa que congregou un total de 567 alumnos arredor dunha decena de encontros e obradoiros, que deron comezo cun ciclo de sete clases maxistrais de danza clásica e contemporánea cos mestres Hervé Ilari, Cristina Ruiz Pérez, Raúl Moreno, Luciano Gómez, Bárbara Monteagudo, Armando Martén e os integrantes da Merce Cunningham Dance Company Jennifer Goggans e Robert Swinston.

Xa na segunda metade deste ano, Ana Abad Carlès, Calixto Albán Laxe e Roberto Beceiro impartiron outros tres obradoiros dirixidos a profesionais e estudantes de nivel medio-alto, ao tempo que as profesoras do Centro Coreográfico Beatriz Ponlla e Belén Vázquez se encargaban das clases abertas de danza clásica arredor do espectáculo Etheria. A viaxe soñada.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2010-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES