O conselleiro de Economía e Industria amosou o seu rexeitamento completo e contundente pola autorización por parte da Comisión Europea do real decreto que prima a queima de carbón nacional para a producción de enerxía a instancia do Goberno central e anunciou que a Xunta estuda xa a defensa dos intereses galegos na correspondente vía xudicial.
Javier Guerra, que compareceu ante os medios acompañado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, apuntou ao mesmo tempo que o seu departamento e o Goberno da Xunta seguen dispostos, como xa manifestamos en reiteradas ocasións, a atopar a solución máis axeitada xunto co Ministerio de Industria, sempre tendo como principio fundamental o feito de que este real decreto, en ningún momento, poida ter o máis mínimo impacto sobre o emprego directo e indirecto asociado ás centrais térmicas de As Pontes e Cerceda.
Deste xeito, o conselleiro de Economía e Industria asegurou que ven de esixir, hoxe mesmo e a través dunha carta, ao Ministerio de Industria que reciba a Xunta de Galicia, que nos escoite e que traballe na procura dunha solución equilibrada. Javier Guerra reiterou na súa comparecencia que o Goberno central non tivo en conta en ningún momento os negativos efectos da entrada en vigor deste real decreto en Galicia, que suporá a paralización das nosas centrais térmicas, a redución da actividade dos ciclos combinados e un notable impacto nos portos da Coruña e Ferrol, e moito menos os trasladou á Comisión Europea, que unicamente coñeceu de primeira man os prexuízos ocasionados a Galicia grazas aos escritos que se remitiron dende a propia Consellería.
Javier Guerra rebateu a xustificación da autorización do real decreto, baseada no feito de garantir o subministro eléctrico empregando o carbón nacional, única enerxía primaria autóctona e polo tanto reservas estratéxicas, alegando que España exportou en 2009 case o 6% da enerxía eléctrico que produxo, polo que non parece que haxa moitos problemas de subministro.
O conselleiro de Economía e Industria, que insistiu en que Galicia non está en contra do desenvolvemento da industria do carbón autóctono, apuntou que non se pode tolerar nin xustificar que a Comisión Europea autorice unhas axudas a todas luces incompatibles co mercado interior, traspasando os problemas sociais e económicos dunhas comunidades a outras, polo que a Xunta sempre defenderá os intereses de Galicia e dos galegos e, sobre todo, das comarcas mineiras.
Javier Guerra denunciou ademais que a decisión da Comisión Europea a instancias do Goberno central penaliza a Galicia despois de ter pechado as nosas minas, e de ter levado adiante investimentos para adaptar e modernizar as nosas térmicas e crear os ciclos combinados de Sabón e As Pontes, e todo para reforzar o sistema eléctrico español e cumplir co protocolo de Kyoto reducindo as emisións contaminantes á atmósfera, e esixiu que se harmonicen os intereses dos distintos territorios.
A Consellería de Economía e Industria, segundo explicou o conselleiro, traballará de xeito conxunto cos alcaldes de Cerceda e As Pontes e as centrais sindicais, cos que xa mantivo unha primeira reunión, para estruturar unha fronte común co obxectivo de corrixir os negativos efectos da autorización do real decreto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.