Notas de prensa

Creacións artísticas de 25.000 escolares de Francia, Portugal e España, no MPG

Encadrada no Camiño Infantil do Xacobeo 2010, a mostra poderá visitarse nas instalacións do Museo do Pobo Galego ata o 30 de setembro. Trátase dunha selección das creacións artísticas dos 25.000 escolares de Francia, Portugal e España que participaron nos obradoiros de “Os Contos do Camiño”.

Da man do Camiño Infantil do Xacobeo 2010, o Museo do Pobo Galego acolle ata o 30 de setembro unha selección das creacións artísticas que realizaron os máis de 25.000 escolares que participaron nos obradoiros do proxecto europeo “Os Contos do Camiño” en Bordeaux (Francia), Évora, Óbidos, Beja, Pombal (Portugal), Madrid e Santiago de Compostela. O obxectivo desta iniciativa é difundir entre os escolares o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes rutas xacobeas, a través de contos de tradición oral e obradoiros plástico-creativos.

A mostra é o resultado das actividades plásticas que entre xaneiro e xuño de 2010 nenas e nenos de Infantil e Primaria destas cidades realizaron no único proxecto galego que foi seleccionado no Programa Cultura da Unión Europea 2007-2013. Durante estes seis meses procurouse fomentar no público infantil o coñecemento do Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

A través dos contos de tradición oral e das obras de arte dos países por onde discorre o Camiño de Santiago, as actividades, coordinadas por OQO editora galega coa implicación como socios do Xacobeo 2010, a Fundación Museo Thyssen-Bornemisza (España) e das editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e La compagnie Creative (Francia), permitiulles ás rapazas e aos rapaces coñecer o patrimonio cultural e artístico das diferentes rutas xacobeas.

O proxecto espertou a curiosidade por viaxar e coñecer persoas doutras culturas entre os participantes e permitiulles desenvolver a súa capacidade creativa, tal e como se comproba na mostra do Museo do Pobo Galego. Na exposición gozarase do resultado do taller Un Camiño de Contos, no que escolares de entre 5 e 8 anos confeccionaron con debuxos un caderno de viaxe; e de A arte no camiño, no que se traballou con materiais orixinais como azulexo (no caso de Portugal) ou zapatos (en Santiago de Compostela), o que deu orixe a creacións sorprendentes.

Na mostra tamén estarán presentes parte das obras creadas no obradoiro plástico Ilustrar un Conto con, no que as nenas e os nenos se converteron en artistas. Nestes taller, tiveron a axuda e asesoramento de ilustradores de distintos países. Durante a actividade, léronlles un conto tradicional do seu lugar de orixe e os cativos debuxaron os personaxes e as accións da historia. Así, a Bordeaux foi a ilustradora portuguesa Teresa Lima con O macaco do rabo cortado; a Évora, a galega Itziar Ezquieta con A flor de Lirolai; a Óbidos, Beja e Pombal, o andaluz Chené Gómez con Juan La burra; e ao Museo Thyssen-Bornemisza, a francesa Véronique Vernette con Les dons des trois animaux.

En Santiago de Compostela, por ser a cidade onde remataron as actividades de Os Contos do Camiño, foron catro os ilustradores que impartiron os obradoiros. Deste xeito, durante o mes de maio e a primeira semana de xuño o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolleu a francesa, de orixe polaco, Joanna Concejo quen traballou con Padre Nariz Larga; o ilustrador catalán Roger Olmos con Per què l’aigua del mar es salada; a galega Paula Aneiros con O segredo do Mouro; e a portuguesa Malfalda Milhões con Os baptizados da raposa.

Coa recompilación e selección de todas estas obras de Ilustrar un Conto con confeccionouse o libro Os contos do camiño vistos polos nenos, que será editado en outubro deste ano por OQO editora.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-09-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES