Notas de prensa

A USC acolle o congreso internacional bianual dos latinoamericanistas españois

Baixo o lema 200 años de Iberoamérica (1810-2010), en conmemoración do Bicentenario das Independencias, celébrase ata o 18 de setembro na USC o XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois que reúne máis de 300 especialistas de 22 países.

As Facultades de Xeografía e Historia e de Filosofía serán as sedes simultáneas ata o sábado 18 do XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois, a reunión bianual do Consello Español de Estudos Iberoamericanos (CEEIB) que reunirá máis de trescentos especialistas no campo do americanismo procedentes de 22 países e representando a máis de cen universidades e institucións.

Organizado polo Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas Gumersindo Busto (CIEAM) da USC, o Departamento de Historia Contemporánea e de América e o CEEIB, o encontro preséntase baixo o epígrafe ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias.

Inauguración

A inauguración da reunión celébrase o mércores 15 ás 19:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Juan Casares que estará acompañado da presidenta do CIEAM e do comité organizador, a profesora da USC Pilar Cagiao, a presidenta do CEEIB, Elda González, e o director académico da Fundación Carolina, Alfredo Moreno Cebrián. Deseguido, o profesor da Universidade de California Fernando López-Alves pronunciará a conferencia de apertura ‘A nación na urbe posneoliberal en América Latina: Bos Aires, Montevideo, Lima’.

Deseguido, ás 20:30 horas, na Biblioteca América inaugurarase a exposición As independencias e os centenarios na Biblioteca América da USC que, comisariada por Pilar Cagiao, recolle unha mostra representativa dos fondos bibliográficos, numismáticos e medallísticos da Biblioteca en relación á conmemoración do Bicentenario das Independencias en Latinoamérica (1810-2010).

Debate multidisciplinar

O encontro, que contará con vinte áreas temáticas, formúlase como un espazo de reflexión e debate científico sobre o mundo iberoamericano desde os máis variados enfoques disciplinares tomando como eixes da discusión tres momentos cronolóxicos fundamentais: o tempo das independencias, os anos das primeiras conmemoracións centenarias e a actualidade.

Deste xeito, as independencias, os movementos migratorios, as mobilizacións socio-políticas, o indixenismo ou o desenvolvemento económico son algúns dos aspectos arredor dos que xirarán as comunicacións.

Este é o décimo cuarto encontro dunha tradición nacida en 1988 no seno do CEEIB, pasando a converterse nunha das principais actividades da institución. A partir do tecido de relacións xerado coas organizacións, asociacións e universidades de América Latina, este congreso é xa un espazo aberto de encontro para o seguimento das novas realidades iberoamericanas.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2010-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES