O escritor melidense Xosé García gaña o Meiga Moira de Literatura Infantil
O escritor e xornalista afincado en Melide, Xosé García Rodríguez, vén de facerse co primeiro Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira, convocado por Baía Edicións.
A obra galardoada foi O lume dos soños presentada baixo o lema de Álvaro Edén-, e será publicada en breve. Ademais, tamén se fixo merecente dos 2.500 euros con que estaba dotado o concurso. O xurado emitiu o seu fallo o pasado 27 de setembro, e estivo integrado polo profesor de Literatura Galega na Universidade da Coruña, Carlos Paulo Martínez Pereiro, a profesora de galego no ensino medio Dores Fernández López, e os escritores Cristina Sáez Cázallas e Xavier Barreiro Liz, que actuaron de vocais; María Belén López Vázquez representou a Baía Edicións e fixo de secretaria. O libro gañador editarase baixo o pseudónimo de Cibrán Ulloa, nome que pretende ser unha homenaxe á terra de Palas de Rei, na provincia de Lugo, onde o autor ten afundidas as súas raíces. Xosé García xa publicara hai catro anos o poemario Presencia da Fenda, que obtivera o Premio de Poesía Letras de Cal e foi publicado pola editorial homónima. Para Xosé García este premio agacha moitos anos de traballo dedicados á literatura e supón unha recompensa que me animará a seguir queimando horas e neuronas nun labor que non sempre acada o recoñecemento que a un lle gustaría que tivese. Nesta ocasión, afortunadamente, os fados puxéronse da miña parte. O escritor melidense engadiu, con respecto á obra gañadora, que pretende ser unha reivindicación do dereito a soñar con outras realidades ou, cando menos, cun mundo mellor ca este no que nos tocou vivir e no que a imaxinación e a fantasía corren o risco de converterse nunha simple mercadoría en troques de seguiren como as ferramentas de liberdade que son. En canto a Baía Edicións, fixo público un comunicado no que afirmou que, con este premio desexa potenciar a colección Meiga Moira e que esta sexa unha contribución singular, dentro do panorama editorial galego, para a aparición de obras de todos os xéneros encamiñadas a dotar de mundos literarios propios e de incentivos creativos que posibiliten que o noso idioma cree pouso tamén entre os galegos e galegas máis novos.
Polo demais, Xosé García é xornalista e iniciou a súa carreira profesional en La Voz de Galicia. Actualmente é o responsábel de prensa do Sindicato Labrego Galego, dirixe o periódico Fouce, e colabora co semanario A Nosa Terra.
Baía Edicións, 2004-09-29
Actualidad

O ciclo de concertos Orballo Cultural vén de presentar a súa edición 2025, que se celebrará entre os meses de maio a setembro. Este ciclo propón levar ata distintas localidades da xeografía galega, concretamente aos concellos de Estrada, Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo, a artistas da escena musical galega. Entre os nomes xa confirmados están Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Su Garrido Pombo, Herdeiros da Crus ou The Limboos. O ciclo Orballo Cultural busca unir a variada oferta musical de Galicia co patrimonio cultural e natural de distintas localidades, de tal modo que se pon en valor a rica variedade de opcións turísticas da comunidade. Ademais, integra a gastronomía e a artesanía como valores engadidos, nunha proposta que quere apostar pola sostibilidade e a igualdade.

A exposición afonda na realidade das cantareiras dende o século XVIII ata os nosos días. Daquelas, as mulleres das aldeas tocaban por pura necesidade, xa que non había outra maneira de escoitar música ca creándoa. Frei Rosendo Salvado e Rosalía de Castro xa se interesaron no seu tempo polas cantigas populares galegas considerándoas 'pura poesía, sen artificio' a pesar de estar nunha lingua diferente da oficial e proviren de mulleres labregas, de clase baixa. Rosalía foi, de feito, quen máis se identificou con esa literatura, empatizando co sentimento do pobo e levándoo ás altas esferas da época. A mostra tamén recolle, a través de varios documentos, o interese de persoas estranxeiras como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen pola nosa tradición.
Notas
A Universidade de Vigo participará en cinco novos proxectos para desenvolver tecnoloxías innovadoras no ámbito aeroespacial e farao da man de empresas de relevancia internacional que lle achegarán á institución preto de 1,5 millóns de euros. Estas novas iniciativas desenvolveranse no marco do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE), promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI).
AWKE naceu co obxectivo de contribuír á mellora das competencias básicas, especialmente a competencia en comunicación lingüística, plurilingüe e intercultural. Apoia plans de transformación dixital en educación primaria e secundaria; isto inclúe o desenvolvemento da pedagoxía dixital e a experiencia no uso de ferramentas dixitais para os docentes, incluídas tecnoloxías accesibles e de apoio, e a creación e o uso innovador de contidos educativos dixitais.