Notas de prensa

Circo Europa promove no Salón Teatro de Compostela o espectáculo Mi otro yo

A programación de Circo Europa-I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe presenta no Salón Teatro de Santiago de Compostela o espectáculo Mi otro yo, da formación hispano-belga Doble Mandoble que crea unha nova maneira de abordar a maxia, fusionándoa coa manipulación de obxectos.

A programación de Circo Europa-I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe continúa no Salón Teatro de Santiago co espectáculo Mi otro yo, da recoñecida formación hispano-belga Doble Mandoble. Maxia, acrobacia e teatro xestual mestúranse nesta montaxe que os xemelgos Luis Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín porán en escena o sábado 26 e o domingo 27 ás 21.30 horas. Esta primeira edición do evento, que organiza o Centro Dramático Galego como entidade asociada á iniciativa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), estenderase ata o martes 29 de xuño coa celebración da I Circo Europa Party que coordinará a asociación Pistacinco.

De xeito paralelo á exhibición de espectáculos, aberta ao público xeral, un total de 19 novos creadores procedentes de 12 países europeos participan dende o pasado día 17 no programa formativo de Circo Europa baixo a dirección da coreógrafa francesa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe. Estas sesións finalizarán mañá sábado, xornada durante a que asistirán a un obradoiro de danza butoh coa coreógrafa coruñesa Bárbara Monteagudo e afondarán na análise de proxectos artísticos con Jean-Michel Guy.

Potencia visual

Con Mi otro yo, a compañía Doble Mandoble crea unha nova maneira de abordar a maxia, fusionándoa co circo e a manipulación de obxectos. Reúne todo nun só espectáculo, engadíndolle unha posta en escena teatral e burlesca. Deste xeito, máis ca unha demostración de efectos de maxia, trátase de pór estes efectos ao servizo dun espectáculo sen texto, pero dunha gran potencia visual tanto nas situacións creadas como na diversidade de escenas das que mana o absurdo, o humor e a poesía.

Baixo a dirección escénica de Rudy Skotheim Jensen, o espectáculo foi creado ex profeso para ser interpretado por irmáns xemelgos. Así, tomando como punto de partida a cuestión da relación psíquica entre eles e aproveitando a súa similitude física, a montaxe propón unha viaxe a través do “espello da identidade”. Non se trata de construír un drama sobre a identidade humana, senón de explorar o nacemento dunha nova personalidade, así como a maneira de creala ou influenciala e a posibilidade de dar forma a unha identidade colectiva.

Na obra, Luis Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín interpretan, nunha especie de xogo ritual entre eles, as ocupacións diarias de varios personaxes, desde o almorzo até a cena, pasando pola ducha, a lectura, a cociña... Durante este día imaxinario, non deixarán de buscar novas individualidades, xogar coa apariencia e experimentar os seus límites para finalmente aproximarse ao seu dobre e intentar descubrir o seu “eu”.

Festa do circo

O I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe pecharase o martes 29 de xuño ás 21.30 horas no Salón Teatro coa I Circo Europa Party, unha gran festa do circo dirixida pola asociación Pistacinco. Nela participarán unha trintena de artistas locais e parte dos creadores europeos convidados ao encontro, entre eles os integrantes de Duelirium e Circo Expreso, as dúas formacións galegas clasificadas respectivamente entre as finalistas e vencedoras do programa JTCE 2009-2010. Na xornada do luns traballarán conxuntamente para ensamblar os números de circo da festa arredor dunha temática clara: Compostela como punto de encontro europeo.

As entradas para asistir tanto ás dúas funcións de Mi otro yo como á I Circo Europa Party poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días de función a partir das 19.30 h. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2010-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES