Notas de prensa

A Cidade da Cultura, núcleo dun seminario sobre grandes proxectos culturais europeos

A Cidade da Cultura centra un seminario en Bruxelas sobre grandes proxectos culturais europeos no que tamén se presentan o Efecto Bilbao, o Manufaktura Łódź (Polonia), o Bozar de Bélxica e o CET de Budapest (Hungría).

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa organizan o 19 de maio en Bruxelas o primeiro seminario sobre a cultura galega que ten lugar na capital da Unión Europea. O encontro leva por nome “A cultura como motor de desenvolvemento económico, rexional e local” e celebrarase no Comité das Rexións da UE. O principal obxectivo desta xornada é coñecer de primeira man as achegas da cultura en beneficio do desenvolvemento económico local e rexional, así como aos actores involucrados na xestión e na industria cultural.

O seminario divídese en dúas partes, unha primeira máis teórica e unha segunda na que se explicarán varios casos de éxito. A primeira metade centrarase en dúas das cuestións que na actualidade ocupan a Axenda Europea para a Cultura: o Libro Verde das industrias culturais e creativas, presentado pola Comisión Europea o pasado mes de abril, e o estudo europeo que analiza a contribución da cultura ao desenvolvemento económico rexional e local.

A Axenda Europea para a Cultura foi aprobada no ano 2007 por todos os Estados Membros co fin de deseñar unha estratexia de acción cultural europea conxunta para promover a diversidade e o diálogo intercultural; impulsar a cultura como factor de crecemento, innovación e creatividade, e apoiar a cultura como elemento vital nas relacións internacionais da Unión Europea.

Na segunda parte do seminario tratarase de explicar, da man de varios expertos, diferentes proxectos europeos que, xunto á Cidade da Cultura, son unha boa mostra dos criterios polos que avoga a actual política cultural europea, constituíndo relevantes industrias culturais e extraordinarias pisadas arquitectónicas: o Efecto Bilbao (España), Manufaktura Łódź (Polonia), Bozar (Bruxelas-Bélxica), CET de Budapest (Hungría) e a Cidade da Cultura de Galicia.

A pesar de atoparse en diferentes fases de desenvolvemento, estes exemplos arquitectónicos e culturais teñen diversos lazos en común xa que conseguiron redeseñar os territorios nos que foron construídos, contribuíron ao desenvolvemento económico da súa rexión e, en todos os casos, teñen unha marcada visión internacional.

Exposición

Despois do seminario, no Atrium do Comité das Rexións, terá lugar a inauguración da exposición “Cidade da Cultura. Preview”, unha mostra fotográfica que percorre a evolución do proxecto galego dende os seus inicios. Esta exposición poderá visitarse na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa a partir do 20 de maio.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES