
Os padexeiros galegos deixaron o nome do noso deporte ben alto ao acadar 6 medallas na 4ª Regata Copa de España de Slalom celebrada en augas do río Ulla, ao seu paso por Padrón (A Coruña).
Así pois, unha das mellores xornadas para o noso slalom rematou coa subida a podium dos deportistas de catro clubes galegos diferentes que mesmo non deixaron opción a ninguén máis á hora de repartirse os primeiros postos na clasificación de C-1 Júnior.
Con todo, na clasificación xeral por clubes os cataláns do Cadi foron quen de facerse co Trofeo Concello de Padrón de Slalom Olímpico ao sumar un total de 312 puntos. O segundo posto foi logrado con 284 por S.D. Santiagotarrak de Irún que estivo seguido na terceira praza polos 259 puntos do Atlético San Sebastián. Os galegos do Tea de Mondariz Balneario, do Deportivo Miño Os Teixugos e mailo Piragüismo Val Miñor Frioya representaron aos clubes galegos dentro dos 10 mellores postos.
A do sábado foi tamén unha xornada de clasificación puntuable para a Copa Galega de Slalom e a Liga Galega de Augas Bravas. Nesta clasificatoria foi onde os padexeiros do Tea de Mondariz Balneario á cabeza e seguidos dos Teixugos do Deportivo Miño e os Frioya do Val Miñor fixeron o seu mellor papel.
A categoría Júnior tivo nome galego posto que Antía Loira, do Val Miñor Frioya en K-1 e Mario Fontán, do Piragüismo Baiona en C-1 foron os vencedores. Acompañando a Antía no pódium estivo a catalana Anna Sáncez e a tamén galega Laura Valcárcel, do Deportivo Miño. Mentres, o pódium do C-1 foi galego en todos e cada un dos seus postos: Marcos Fortes e Alejandro Ochoa, do Penedo e dos Teixugos, acompañaron a Mario Fontán que encabezaba a comitiva galega.
Premio Mellor Proxección da Federación Galega de Piragüismo Tal e como xa se anunciara, a Federación Galega fixo entrega dos seus premios Mellor Proxección. Antía Loira e Mario Fontán recibiron o galardón co que se premiaba por vez primeira para o slalom galego aos mellores especialistas 2009 desta disciplina olímpica.
Os galardoados, Mario Fontán do Piragüismo Baiona e Antía Loira do Piragüismo Val Miñor- Frioya, ambos os dous concentrados no Centro de Tecnificación de La Seu D´Urgell, proveñen da canteira da Escola Municipal de Piragüismo de Nigrán.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.