
O mal tempo reinou na tarde de onte, pero a pesares da choiva e do vento o público asistente puido presenciar unha bonita proba, a 3ª Competición promoción Slalom, que se celebrou en Ponte Arnelas, Ribadumia e da que resultou gañador na clasificación por clubes o Clube Os Teixugos de Goián, mentres que o Piragüismo Dumbría quedaba de subcampión e o Val Miñor de terceiro clasificado.
O vicepresidente segundo da Federación Galega de Piragüismo e responsable da modalidade Augas Bravas/ Slalom, Quique Portela, destacaba o interesante que resultaba este percorrido, un circuito de doce portas cheo dun gran atractivo tanto a nivel deportivo como de visualización.

Na entrega de premios destacou a presenza da alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, que non se quixo perder o evento. Acompañábana o concelleiro de Deportes da localidade, Jorge Abal, o presidente do Club Náutico O Muíño, José Manuel Vázquez e o propio Quique Portela.
Desde o club anfitrión e organizador, Náutico O Muíño, quixeron destacar a axuda recibida para a organización desta proba por parte de Protección Civil, o Concello e os propios rapaces das outras categorías do clube.
O próximo domingo día 16 de maio Ribadumia voltará a ser a protagonista absoluta de cara ás competicións de piragüismo, posto que terá lugar a XVI Baixada ao Umia.

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.