Notas de prensa

Preséntase no Salón do Cómic de Barcelona a mostra Un Camiño de Viñetas

Destacados autores da banda deseñada galega achegan a súa particular visión da Ruta Xacobea a Santiago de Compostela na mostra Un Camiño de Viñetas que se exhibe no XVIII FICOMIC.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, apoiará a presenza dos autores e as editoriais da banda deseñada galega no Salón Internacional do Cómic de Barcelona (FICOMIC), mediante a instalación de dous stands promocionais coas súas últimas creacións. Nesta XVIII edición, entre o 6 e o 9 de maio, a participación galega terá un marcado acento Xacobeo a través da exposición Un Camiño de Viñetas, promovida pola Xunta de Galicia, na que destacados autores da banda deseñada da Comunidade achegan a súa particular visión do Camiño de Santiago. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, viaxará a Barcelona para participar na xornada inaugural o xoves día 6.

As ilustracións que forman parte desta mostra son obra de Carlos Arrojo, Diego Blanco/Kike Benloch, Cosme, Manel Cráneo, José Domingo, Jacobo Fernández Serrano, Alberto Guitián, Jano/Rodrigo Costa, Miguel Robledo, Braís Rodríguez, Martín Romero, David Rubín, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez. Asemade, o sector da banda deseñada agradecerá a valiosa e desinteresada axuda do comisario desta mostra, Benito Losada, que fixo posible a realización de Un Camiño de Viñetas.

No Salón do Cómic de Barcelona tamén se exporá o cartel ilustrativo creado por Emma Ríos para a mostra Un Camiño de Viñetas. Esta guionista e debuxante pontevedresa colaborou, entre outros, cos fanzines El Bolchevique vespentino, Esto es la guerra, Mensajes en unha botella y Comikaze. Entre os seus galardóns destaca o primeiro premio no concurso de Arteixo en 1999 co cómic Como el cielo en invierno, o terceiro premio do Certame da Banda Deseñada da Xunta de Galicia (2004) formando equipo con David Rubín, e o premio ao mellor autor revelación en Expocomic Madrid 2008, por Los Reyes Elfos: Historias de Faerie 2 e Barsowia.

Programa de actividades

Durante os catro días da feira, a actividade nos stands galegos permitirá dar a coñecer as últimas novidades da banda deseñada da nosa Comunidade. Na xornada do venres 7 de maio, os stands de Galicia acollerán dúas sesións de firmas a cargo de Diego Blanco e Mariano Casas. Xa pola tarde, terán lugar as presentacións das revistas BD Banda e Retranca, de Kiko da Silva e do álbum De Sangre e ron mi Cuba, de Fran JAraba, así como as sinaturas de Rodrigo Cota/Jano e Kiko da Silva. O sábado 8, Brais Rodríguez, Victor Rivas, José Domingo e Kiko da Silva tamén participarán nunha sesión de sinatura de exemplares e o domingo 9, ao mediodía, o fará David Rubín.

As publicacións galegas que se exporán neste Salón do Cómic de Barcelona van da man das editoras Difusora, Factoría K, Lea/Embora, o Patito Editorial, Retranca Editora, Toxosoutos, Xerais, Do Cumio, Urco Editora e Demo Editorial, e dos colelctivos autoeditores e afeccionados BD Banda, Cerditos de Guinea Cómics, Fuck Cómics, Mariano Casas, Polaqia e Sinónimos de Lucro. Na actualidade hai mais de medio centenar de autores de banda deseñada galegos, que ademais de en galego tamén publican e castelán, inglés, francés, italiano e checo.

Apoio á banda deseñada

A Consellería de Cultura e Turismo, ao longo deste ano 2010, destinará 600.000 euros en apoio a banda deseñada galega a través da presenza en feiras nacionais e internacionais, becas, adquisición de obras e promoción deste xénero. Por unha banda, traballarase na política de adquisicións de cómic para as bibliotecas e así crear hábitos de lectura de banda deseñada tanto na poboación infantil e xuvenil como na adulta. Dentro de este proceso de adquisición de fondos primarase neste ano a adquisición de revistas, álbums e publicacións galegas para o que se pretende destinar como mínimo de 100.000 euros. Asemade, crearase un portal destinado ao cómic galego dentro da Biblioteca Dixital da Biblioteca de Galicia.

Doutra banda, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura aprobou unha orde de axudas que apoiará a creación de proxectos de banda deseñada galega, cun presuposto total de 30.000 euros e cun límite máximo de 6.000 euros por beneficiario. Esta liña de axudas pretende fomentar a creación de proxectos creativos que na actualidade o mercado non consegue promover, respondendo así á crecente importancia da banda deseñada no panorama cultural galego e dada a inexistencia dun tecido editorial o suficientemente grande para soster os custos de produción das historias narradas dentro deste medio de expresión.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-05-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES