
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, visitou a Catedral de San Martiño en Ourense para comprobar o estado do ben patrimonial. O conselleiro de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, explicou que en 2010 investiranse 60.000 euros no Pórtico do Paraíso para estudios previos e obras de maior urxencia, 30.000 euros para a adecuación das dependencias do Museo e Arquivo e unha cantidade aínda pendente de estudio para paliar a entrada de humidades nunha das pilastras da nave. Asemade, a curto prazo, está previsto acondicionar e mellorar a Sancristía e restaurar a Capela de San Xoán.
Do mesmo xeito, o conselleiro de Cultura e Turismo anunciou que a Xunta de Galicia traballa co obxectivo de investir 1.500.000 euros no cuatrienio que vai ata 2013 na restauración do conxunto da Catedral de Ourense. A restauración da Catedral de Ourense comezará no momento no que estarán rematados os estudios necesarios, que comezarán neste 2010 cunha duración estimada de entre 6 e 12 meses. Tras a execución dos estudos poderá fixarse un plan de accións e orzamentos concreto.
Roberto Varela afirmou que ésta actuación inscríbese dentro do Plan de Catedrais, que constitúe unha prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo e que ten a intervención na Catedral de San Martiño de Ourense como un obxectivo primordial. Non obstante, esta cifra está exposta á dispoñibilidade orzamentaria e conta coa posibilidade de cofinanciamento por parte doutras administracións.
A Consellería de Cultura e Turismo leva traballando desde hai anos na conservación e posta en valor da Catedral de San Martiño de Ourense, un dos bens de interese cultural máis salientables do patrimonio galego e que conta no seu contexto cunha valiosísima peza como é o Pórtico do Paraíso.
A través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tamén contémplanse accións no Pórtico do Paraíso, un dos máis senlleiros exemplos de grupos escultóricos medievais de Galicia (século XIII), inspirado no Pórtico da Gloria de Santiago. Como tal pórtico, é un espazo de transición de singular beleza entre o exterior e o interior da catedral na súa fachada principal. Aparte do grupo escultórico policromado posúe pinturas murais nos laterais das torres.
Humidades
Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, certificaron recentemente a existencia das afeccións máis delicadas, as humidades procedentes da parte superior que aínda non chegan ao chan. Nesta visita avaliouse a situación, realizáronse unhas catas e determinouse a causa real das humidades comprobando que a zona afectada é a relativa ao cimborrio.
As bóvedas que se apoian no esteo noroeste da Catedral aprécianse húmidas, principalmente as da nave do transepto e a do cruceiro, sobre o presbiterio. A natureza das humidades pode atoparse nun deficiente encontro entre a cuberta de tella da nave principal e o cimborrio ou na rotura ou desprendemento dalgún elemento de protección ou resolución dos babeiros. Actualmente as humidades non parecen estar a provocar graves patoloxías, nembargante, a afección podería ocasionar no futuro a presenza de sucidade sobre a fábrica, a acción daniña das sales sobre a pedra, o dano das xuntas e outras patoloxías relacionadas coa conservación dos materiais e os sistemas construtivos, ademais dun problema estético apreciable.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural precisa revisar os últimos proxectos na Catedral, para realizar as intervencións. Neste momento estase a traballar nun estudo a fondo do ben e estúdase a posibilidade de contratar a unha empresa construtora que facilite os medios auxiliares e os operarios para realizar algunha cata de observación e comprobación.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.