
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, trasladoulle ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Xulián Barrio, a importancia de promover a utilización da lingua galega na actividade eclesial aproveitando a celebración do Ano Santo. Durante a reunión que ambos mantiveron, o secretario xeral incidiu, concretamente, na importancia de fomentar o uso do galego en celebracións relixiosas tan destacables como a misa do peregrino, un dos actos de maior asistencia de fieis, especialmente durante o Xacobeo. Ademais, Anxo Lorenzo ofreceulle ao arcebispo o asesoramento lingüístico necesario para facilitarlle a utilización da lingua propia de Galicia noutras iniciativas, como a web do arcebispado.
Ademais de favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo, Anxo Lorenzo salientou a presenza do galego nas celebracións relixiosas do arcebispado como un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da comunidade, a lingua galega.
Posta en valor da realidade lingüística de Galicia a través da visita do Papa
Respecto da próxima visita do Papa a Santiago de Compostela, o responsable de Política Lingüística destacou este acontecemento como unha oportunidade para poñer en valor a riqueza lingüística de Galicia. Neste sentido, tamén salientou a importancia de que o galego estea presente nas intervencións do Santo Padre como unha maneira de que os crentes galegos se sintan aínda máis próximos e identificados con el.
Co obxectivo de acadar novos espazos de uso para a lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén colaborando con diversas entidades. Grazas a este marco de cooperación, o Arcebispado de Santiago de Compostela elaborou e difundiu en 2009 diverso material divulgativo de tema bíblico en galego, ademais dos materiais pedagóxicos Xesús é o Señor, Alianza de Deus con nós, Deus dános unha nova vida ou O reino de Deus, entre outros.
As dioceses de Mondoñedo-Ferrol e mais de Tui-Vigo son outras das entidades coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a impulsar un labor conxunto de fomento do uso do galego.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.