Este programa de formación é o primeiro paso dunha experiencia piloto de adaptación do ensino ao novo marco europeo, que se extenderá durante os cursos 2004-05 e 2005-06, e no que está a participar, con carácter voluntario, perto dun tercio do profesorado da titulación.
O programa inclúe seminarios sobre métodos didácticos (textos-guía, aprendizaxe baseado en problemas,...), ferramentas de apoio á docencia (uso das Teconoloxías da Información e as Comunicacións) e a comunicación de experiencias que se están a desenvolver noutras universidades (País Vasco, Almería, Pompeu Fabra) e na propia Facultade de Santiago de Compostela.
Para esta experiencia, organizada polo decanato da Facultade, cóntase con apoio económico da ACSUG e do Vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica. Ademáis este curso poñerase en marcha unha experiencia piloto de titorías personalizadas para os estudantes de novo ingreso, e realizarase a segunda fase do estudo sobre o tempo de adicación á aprendizaxe dos estudantes que xa se iniciou o pasado curso.
As actividades enmárcanse no compromiso asumido pola Xunta de Facultade de encarar o reto da converxencia co Sistema Universitario Europeo nas mellores condicións, e que deu lugar, no curso pasado, á súa participación nos programas da ANECA de Acreditación e de elaboración do Libro Branco da Titulación.
A Facultade de Psicoloxía
A Facultade de Psicoloxía da USC, creada en 1991, é a única da disciplina no Sistema Universitario Galego. Os estudos de Psicoloxía comezaron no curso 1973-74, sendo o seu plan de estudos modificado no ano 1979, cunha ampla incorporación de contidos especificamente psicolóxicos e a implantación novidosa -naquel momento- de tres opcións especializadas de segundo ciclo. En modificacións posteriores, nos cursos 1993-94 e 2000-01, realizáronse os cambios e axustes á actual estrutura de créditos do novo plan e á oferta de materias optativas e de libre configuración que, xunto coas troncais e obrigatorias, integran o dito plan de estudos.
Durante o pasado curso académico cursaron os seus estudos neste centro compostelán 1675 estudantes, 1376 mulleres e 299 homes. A formación en Psicoloxía contemplada no plan de estudos, trata de conxugar os coñecementos precisos sobre os procesos psicolóxicos, os seus condicionantes biolóxicos, evolutivos e socioculturais; así como o coñecemento dos métodos e técnicas científicas que serven para avanzar no coñecemento psicolóxico. Todos eles son contidos fundamentais das materias que configuran o primeiro ciclo da titulación (1º, 2º e 3º cursos). No segundo ciclo (4º e 5º cursos) intégranse as materias relacionadas cos grandes ámbitos de aplicación da Psicoloxía: o clínico, o educativo e de intervención no desenvolvemento, e o do traballo e as organizacións.
A preocupación pola calidade da docencia que se imparte na Facultade, da investigación e dos servizos que nela se prestan deu lugar a que no curso 1999-2000 se realizase o proceso de Avaliación da Titulación de Psicoloxía, que serviu para trazar as liñas estratéxicas e levar adiante diversas propostas de mellora da Facultade nos ámbitos docente, investigador e de servizos. No curso 2003-04 a Facultade participou en dous Proxectos promovidos e financiados pola ANECA: o Estudio Piloto de Acreditación, xunto con outras 6 Facultades de Psicoloxía, e o Proxecto de elaboración do Plan de Estudos de Grao, adaptado ás directrices de Converxencia Europea, no que participaron todas as Facultades españolas con titulación de Psicoloxía.