Notas de prensa

Misa Crismal 2010

Homilía do bispo de Lugo durante a Misa Crismal de Semana Santa 2010:

Queridos irmáns,

A Misa Crismal que hoxe temos a graza de celebrar xuntos, nesta Santa Catedral Basílica, introdúcenos de novo no misterio da Unción e da Comuñón, que é dalgún xeito o do noso ser sacerdotal.

A Comuñón que temos entre nós e na Igrexa toda xorde como obra propia de Xesús de Nazaret, o Unxido de Deus, Cristo. Porque existe Xesucristo, existe a nosa fraternidade e o noso ser sacerdotal. El é a nosa Cabeza e Pastor; El fai posible o que somos e o que esperamos.

As lecturas desta Eucaristía fálannos en primeiro lugar de El, de Xesús e da súa Unción, na que se cumpren as expectativas do seu pobo, dos que camiñan na terra na pobreza e os sufrimentos, pero tamén no desexo de xustiza, de vida, de paz e felicidade.

En Cristo a salvación e o Reino de Deus fanse presenza plenamente humana na historia, de modo que os homes podemos participar da súa novidade. Dende entón a fe non puido xa ser erradicada do mundo, vencida polo cinismo da vida ou a violencia do poderoso, nin a esperanza puido ser apagada por ningún cúmulo de sacrificios, de sufrimentos ou de inxustizas; e o ardor do corazón, a caridade, fundada no abrazo do Señor, guía e indica sempre, como a sabedoría máis profunda, os pasos a dar en calquera momento e circunstancia.

O Reino latexa xa neste mundo, actúa, faise presente nun novo coñecemento do Pai e do seu enviado, Xesucristo, e no seu Espírito de amor, no que podemos imitar ao que chegou ata a cruz, dando a vida polos seus amigos e polos que aínda eran os seus inimigos, vencendo todas as tentacións do mundo, para afirmar a verdade e o ben ao que estaba destinado polo Pai todopoderoso o máis pequeno ou afastado dos seus irmáns.

Nós somos enviados a anunciar este Evanxeo, é dicir, as riquezas ofrecidas aos homes polo Pai en Xesucristo morto e resucitado, como ministros da comuñón con El. A verdade de Cristo, da súa Persoa e da súa misión, é o fundamento da verdade do noso ser sacerdotal e da nosa misión.

Non poderiamos deixar de anunciar o Evanxeo, sen renunciar ao máis querido: á fe do corazón e á afirmación do valor definitivo da vida de cada un, tamén ou en especial do pequeno, fráxil, enfermo, sufridor; ao amor de Deus como fundamento real das cousas, e como lei verdadeira da existencia, coñecido e recibido na misericordia entrañable do Señor; á esperanza que axuda a loitar xeración tras xeración polo ben, a verdade e a xustiza, na certeza da salvación definitiva. E perderiamos a alegría dunha relación nova, dunha unidade nova entre os homes, experimentada de modo particular como sacerdotes e pastores cada día cos propios fieis.
Esta é a grandeza do noso ministerio, que non podemos negar; porque non provén de nós -vasillas de barro- senón do Evanxeo, do que depende o destino dos homes e dos pobos. A tempo e a destempo debemos seguir anunciando ás nosas xentes e ás nosas parroquias a Boa Nova do Señor.

2. A chegada do Reino de Deus, destinada a transformar a nosa terra segundo o designio do Pai, ten históricamente a forma da acollida do Unxido, é dicir, da fe en Cristo, na súa Persoa e na súa misión; e realízase no seguimento e a comuñón con Él, no modo establecido por El mesmo e que culmina na Última Cea.

Por iso, a Eucaristía, o sacramento da comuñón do home con Cristo, é a fonte e o culmen de toda a vida cristiá, e, polo tanto, o centro da tarefa sacerdotal. Pero tamén é moi especialmente o corazón da vocación e da vida do sacerdote.

A conciencia desta comuñón co Fillo feito home, con Xesucristo, é imprescindible para comprender e vivir a misión sacerdotal. Non é concibible humanamente un presbítero sen esta vinculación co Señor, obxectivamente dada na imposición de mans. Diso facemos memoria nesta Misa crismal, e renovamos ao mesmo tempo as promesas con que cada un recibimos a unción sacerdotal; porque esta vinculación co Señor só é posible grazas tamén ao asentimento da propia liberdade, que se adhire radicalmente á persoa de Cristo.

O amor a Xesucristo -e en El ao Pai- é o corazón vital de toda vocación e ministerio sacerdotal. A fe en El, a adhesión á súa Persoa histórica, a comprensión da súa misión salvadora e da comuñón que ofrece, é imprescindible para poder exercer o ministerio con ímpeto apostólico, coa convicción que vén da intelixencia e mobiliza as forzas da vontade.

De aquí xorde a forma propiamente presbiteral da santidade, da perfección na caridade -á que están chamados en diferentes modos todos os cristiáns. Esta tensión "apostólica", a conciencia de ser elixido, de permanecer no amor do Señor e de ser enviado por Él, forma parte intrínseca do sacerdocio neotestamentario; sen esta conciencia, o núcleo sacramental da orde sagrada non desprega a súa identidade, nin o ministro ofrece en verdade o seu testemuño propio no medio da Igrexa e ante os homes.

3. A nosa vocación é a de ser testemuñas autorizadas do Evanxeo e principio obxectivo da unidade dos fieis, e non podemos desmentila coa nosa vida. O anuncio da comuñón, da que provén e vive sacramentalmente o presbítero, non pode non determinar tamén a forma da súa existencia. Debemos ser "modelos do rabaño", e non déspotas que o tiranizan ou explotan, actuando con criterios de poder meramente humanos.

O noso ministerio é comunional na súa mesma natureza: brota do permanente recibir o don de Cristo e a comuñón con Él, e de participar na misión que Él encomendou aos apóstolos e aos seus sucesores. Non nos podemos concibir de modo individualista. Un ministerio non eclesial, vivido non eclesialmente, contradí a súa propia identidade.

Sabemos que quen rompe a comuñón da Igrexa carece nesa mesma medida de autoridade real e a súa misión non goza de credibilidade ningunha. E, do mesmo modo, o ministerio exercido en nome de Cristo e da súa Igrexa, manifestado na forma da vida, na fraternidade presbiteral real, na unidade co Bispo, no sentido de pertenza á propia Igrexa, é percibido polos fieis como máis auténtico e máis fecundo.

A unidade, a comuñón, é a nosa casa: vimos e vivimos da comuñón que nos ofrece o Señor misericordioso; e é tamén a nosa meta, a obra que construímos con pedras vivas, animadas polo amor. Por iso a pertenza e a unidade eclesial, a comuñón fraterna, é o único criterio de acción posible, o método que debemos aplicar nas diferentes circunstancias e desafíos pastorais, o testemuño que debemos dar sempre. E será tamén o noso consolo e o nosodescanso: que dozura, que delicia, convivir os irmáns unidos! (Sal 132)

A Virxen María é Nai dos sacerdotes. Que Ela interceda por nós, os seus fillos, para que permaneza sempre viva nos nosos corazóns a alegría da nosa vocación. E que o Señor Xesús, pola súa misericordia, nos dea a todos a paz e a bendición prometida ao servidor bo e fiel.

Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo

Gabinete de Comunicación da Diócese de Lugo, 2010-03-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES