Notas de prensa

O 94% dos usuarios destaca a calidade do servizo Xantar na casa

O 90% dos familiares de usuarios do programa Xantar na casa considera que é totalmente ou moi necesario seguir dispoñendo do programa que cumpre un ano de funcionamento ao servizo de 1.100 usuarios de 160 concellos.

O 94 por cento dos usuarios do programa Xantar na Casa valora como boa ou moi boa a calidade do servizo, segundo os resultados dunha avaliación realizada tras un ano de funcionamento do mesmo. A valoración media dos usuarios é de 4,39 nunha escala de 1 a 5.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo, Jesús Varela, presentaron hoxe en Santiago os resultados deste traballo, que tiña como obxectivos avaliar o funcionamento e a calidade do servizo e identificar posibles áreas de mellora. O estudo recolle tanto as opinións dos usuarios como as dos seus familiares e dos traballadores sociais dos concellos a onde chega este programa.

Así, ademais da calidade do servizo, entre os resultados dos usuarios destacan como elementos máis valorados o trato amable e respectuoso da persoa que leva a comida (3,94 sobre 4) e a adecuación dos menús á dieta que deben seguir.

Destacan tamén o desafogo que supón non ter que preocuparse pola comida, a importancia do factor humano da presenza do repartidor e as repercusións positivas sobre a alimentación e a saúde. Para eles, o servizo ideal estaría composto por un trato amable e respectuoso por parte do persoal de reparto, a calidade da comida e a puntualidade.

A intención do 96 por cento dos usuarios actuais de Xantar na Casa é continuar co mesmo o vindeiro ano, ao mesmo tempo que o 94,8 por cento non dubida en recomendarllo a xente que se atope na mesma situación.

Familiares

En canto á valoración dos familiares, máis do 90 por cento sinala que é totalmente ou moi necesario seguir dispoñendo do programa. Ademais, o 77,8 por cento considera que con Xantar na Casa a súa vida é máis levadeira e case o 80 por cento, que grazas ao programa son capaces de conciliar máis facilmente a súa vida persoal e laboral cos coidados do seu familiar.

Sobre os beneficios para o usuario, a maioría dos familiares subliñan a mellora da súa calidade de vida e do seu estado de ánimo. Así, arredor do 96 por cento dos familiares valora como boa ou moi boa a calidade do servizo e ningún deles o valorou negativamente: a valoración media da calidade nunha escala de 1 a 5 foi de 4,29 e un 98,2 por cento amósase bastante, moi ou totalmente satisfeito co servizo.

Por último, as respostas dos traballadores sociais dos concellos apuntan que para o 93,5 por cento a calidade de vida dos usuarios mellorou bastante ou moito e o 76,6 por cento opina que tamén mellorou a súa saúde. Ademais, catro de cada cinco profesionais consideran que o programa supuxo unha mellora importante a nivel anímico.

En canto aos beneficios para as familias, máis do 95 por cento dos traballadores sociais considera que Xantar na Casa supón un respiro para a maioría das familias, que lles permite conciliar mellor a súa vida persoal e laboral e que incide positivamente na súa calidade de vida.

Case a totalidade destes profesionais considera bastante ou moi necesario seguir dispoñendo do programa, e recomendan un maior esforzo na difusión desta actuación xa que, apuntan, o coñecemento por parte da poboación é moderado.

Melloras

Con carácter xeral, os resultados acadados revelan un alto grado de satisfacción por parte dos distintos axentes implicados, pero tamén inclúen algunhas propostas. Así, os usuarios apuntan suxestións moi variadas como repetir con maior frecuencia algún prato concreto ou quitalo do menú, utilizar máis ou menos sal nos pratos ou máis ou menos condimentación, aínda que hai que destacar que para o 56,2 dos usuarios non habería que cambiar nada.

As únicas suxestións que propoñen os familiares son ter presentes as preferencias e necesidades de cada usuario ou aumentar a cantidade da comida, mentres que os traballadores sociais apuntan aspectos como aproveitar o programa para promover unha maior concienciación dos usuarios cara a unha dieta equilibrada ou obter un maior financiamento público para este servizo.

Obxectivos e destinatarios

O programa púxose en marcha en setembro de 2008; en decembro do mesmo ano entrou na súa segunda fase coa adhesión de 35 novos concellos, e coa terceira fase, que arrancou o pasado mes de setembro, preténdese chegar aos 1.500 usuarios.

O obxectivo principal deste servizo é mellorar o nivel de benestar e de calidade de vida de moitas persoas maiores e/ou dependentes, e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno familiar e comunitario e retardando ou evitando a institucionalización.

Ao mesmo tempo, se facilita un respiro ás familias e aos coidadores e un seguimento e acompañamento de cada persoa beneficiaria do servizo por parte dos profesionais que acoden aos domicilios.

Benefícianse deste programa persoas maiores de 60 anos cunha autonomía persoal limitada, persoas dependentes que carecen de apoio familiar e persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social dos concellos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

En canto ao funcionamento, o transporte dos menús realízase en vehículos adaptados mantendo a temperatura e a refrixeración imprescindible. Os xantares se entregan nun único día á semana nos domicilios das persoas beneficiarias, que reciben sete bandexas diferentes co xantar para cada día.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, 2009-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES