Notas de prensa

753 persoas reciben tratamento na Unidade de Conductas Adictivas de Ourense

A Unidade de Conductas Adictivas dependente da Concellería de Sanidade do Concello de Ourense, atende na actualidade a 753 persoas nas súas instalacións, sitas no Complexo Hospitalario de Ourense.


O seu labor céntrase na axuda a persoas consumidoras de substancias adictivas (concretamente, ilegais: cocaína, heroína, cannabis, etc.), para o que contan cun amplo persoal que abrangue os ámbitos sanitario, farmacéutico e administrativo.

Á hora de elaborar un perfil do paciente que acude á UCA, a distribución por idades vai en relación coas diferentes substancias consumidas. Así, no caso dos consumidores de heroína, trátase dos pacientes de maior idade e xeralmente cun historial de consumo prolongado no tempo, que na UCA é tratado a través de metadona e que maioritariamente se encamiña á estabilización no consumo, cun índice de éxito superior ó 50%. Estes pacientes poden estar a tratamento durante meses ou anos e son os máis habituais na Unidade.

A idade baixa cando falamos do consumo de cocaína, onde o obxectivo perseguido é a abstinencia. Aínda que neste caso o tratamento pode resultar máis difícil, un elevado número de pacientes adoitan experimentar unha boa evolución que xeralmente desemboca na pretendida abstinencia. Os pacientes de menor idade son os que acuden á UCA como consumidores de cannabis. As súas idades están comprendidas entre os 14 e os 20 anos, e para lograr con éxito unha rehabilitación total é imprescindible o apoio da familia e do entorno. As maiores dificultades dánse nos casos en que actúan outro tipo de factores externos que dificultan o traballo dos médicos, psicólogos, enfermeiros, traballadores sociais e farmacéuticos que tratan de axudar, dende esta Unidade, a estas persoas dependentes. Segundo apunta o responsable da Unidade de Conductas Adictivas, Gerardo Flórez, “o consumo destas substancias experimenta un crecemento continuo, en consonancia con datos oficiais do Observatorio Nacional sobre Drogas”.

No que vai de ano 2009, o número de inicios rexistrados na Unidade (persoas que acuden por primeira vez á UCA) é de 286, mentres que se rexistraron 186 reinicios (persoas que acudiron anteriormente á UCA e que nalgún momento determinado abandoaron o programa). Destas 286 persoas que se achegaron por primeira vez á UCA en 2009, o 66% (188 delas) fíxoo para tratar a súa adicción á heroína, o que corrobora o anteriormente apuntado. O resto repártese entre o tratamento da súa adicción á cocaína, ó cannabis ou a outro tipo de substancias.

Un dos problemas que en moitas ocasións pode impedir o correcto desenvolvemento destes procesos é a reticencia dos individuos a achegarse a estes puntos de axuda. Pero segundo o propio Gerardo Flórez indica, “o feito de estar no Complexo Hospitalario dálle á UCA unha apariencia moito máis profesional ós ollos dos pacientes, e iso é positivo porque anima a acudir a nós ás persoas que precisan axuda”.

O balance que o responsable realiza é “positivo” ó acadarse unhas notables cifras de recuperación e unha actividade continua en prol da axuda ás persoas con conductas adictivas.

Concello de Ourense, 2009-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES